Pedro Feijoo presenta en Bueu o libro ‘Morena, perigosa e románica’
A librería Miranda regresa coas presentacións de libros. Este mércores ás 20.30 horas, a sala Domínguez Búa acollerá unha charla arredor do novo libro de Pedro Feijoo, Morena, perigosa e románica, na que tamén estará o director da editorial Xerais, Manuel Bragado.
Este libro, publicado en galego por Xerais e en castelán por Versátil, conta “a disparatada aventura dunha serie de superviventes deste tempo cruel, personaxes sen oficio nin beneficio coñecido, desesperados e, para maior complicación, incapaces de sumar entre todos eles unha única neurona útil”. Pedro Feijoo, autor tamén dos best sellers A memoria da choiva e Os fillos do mar, constrúe nesta nova novela unha historia con humor e sarcasmo, unha comedia dantesca, convencido de que o que mellor se pode facer para loitar contra a crise é dar un golpe definitivo.











