Manuel Varela destaca a Estratexia de Apoio á Biotecnoloxía como panca clave para consolidar o sector en Galicia

Manuel Varela na clausura das xornadas
O director da Axencia Galega de Innovación-GAIN, Manuel Varela, destacou hoxe a Estratexia de Apoio á Biotecnoloxía, avanzada polo Presidente da Xunta durante o Debate do Estado da Autonomía, como panca clave para consolidar o sector en Galicia. Varela clausurou a Lonxa de Investidores Bio 2015, organizada no Cetal polo clúster Bioga en colaboración con GAIN e Tecnópole, e resaltou que a nova estratexia do Goberno galego terá apoios específicos para apoiar a maduración dos proxectos levados a cabo polas pemes galegas do sector.
A Lonxa de Investidores enmárcase no programa Agrobiotech, un programa de apoio a empresas innovadoras dos sectores agroalimentario, a biotecnoloxía e a biomasa, que ten como un dos seus piares unha aceleradora que, con sede en Lugo e Ourense, está a apoiar a 11 empresas galegas.
Como parte do programa, Varela resaltou á Lonxa de Investidores como unha canle fundamental para impulsar o financiamento dos emprendedores biotecnolóxicos galegos, e neste senso sinalou que nos cinco anos de existencia da Lonxa presentáronse 57 proxectos, dos que máis de 20 terminaron por constituírse en empresas que “xa están xerando emprego e riqueza nun eido de gran valor engadido, e que ten un gran potencial para consolidarse como un dos sectores clave da economía galega do futuro”.
Durante a edición de 2014, apuntou o director da Axencia galega de Innovación, 4 iniciativas empresariais conseguiron captar investidores para o seu desenvolvemento, e Varela amosouse convencido de que a convocatoria actual servirá para poñer de novo en marcha novos proxectos capaces de sumar no traballo de Galicia para estar á cabeza do sector biotecnolóxico.
“Buscamos acelerar e impulsar o crecemento deste sector”, dixo Varela, que lembrou que as pemes galegas xa teñen colocado a Galicia como unha das comunidades nas que máis crece o biotecnolóxico en toda España, “un punto de partida que debemos aproveitar de cara ao futuro”.











