Manifesto do Concello de Lalín en repulsa aos crimes de violencia de xénero

Lectura do manifesto
Hoxe concentrámonos aquí para amosar a nosa maior repulsa as actitudes relacionadas coas violencias machistas. Segundo datos oficiais 37 mulleres foron asasinadas este ano pola súa parella ou ex parella e 8 mais están en proceso de investigación. Isabel de Ourense, Beatriz de Arbo, Divina e Silvina de Vigo e agora Concepción de Pontesampaio, cecais pola súa cercanía parece que nos tocan mais, como tamén nos doen as catro menores de 4, 7, 9 e 14 anos asasinadas polo seu pai e padrastro, co fin de aumentar o dano feito as súas nais.
Cada ano contamos o número de denuncias e de asasinatos, discutindo se o aumento das primeiras demostraba unha maior confianza no apoio institucional ou un verdadeiro crecemento da violencia.
Nos últimos tempos aproveitouse a crise para reducir os recursos de prevención e sensibilización contra as violencias e quedou en dúbida a confianza na capacidade do Estado para protexer ás vítimas.
Hoxe a maioría observa o fenómeno coma se tratase dunha desgraza natural, porque os asasinatos tórnanse monótonos, os minutos de silencio saben a pouco e os medios de comunicación, ás veces, non fan nada por abordar aquelas violencias que non son noticia porque son cotiás, aquelas das que participamos a maioría e que son o caldo de cultivo imprescindible no que se desenvolven as que si chaman a súa atención.
Sexa como for, os esforzos por acabar coa violencia machista, leváronnos a esquecer a historia real das mulleres concretas que se ocultan tras as cifras anuais de asasinadas e dilúense na memoria.
As mulleres asasinadas son mulleres “normais e correntes”, e xa non están aquí por rebelarse e tentar escapar ao insoportable control ao que se vían sometidas, por atreverse a dicir que non, unha rebelión fronte a un asasino tan heroica como solitaria, pero tamén por confiar nas promesas incumpridas das institucións.
Aínda que non lles deamos medallas póstumas, lembrar os seus nomes é a mínima homenaxe que debemos a estas mártires,Teresa, Gisela, Sandra, Egle, Susana, Hanane, Tamara, Davinia, Francisca, Isabel, Gema, Encarna, María, María Ángeles, Beatriz, Felicidade, Anka, Laura, Rosario, Marina, Olga, Marina, Otilia, Antonia, Divina, Fuensanta, Almudena, Maimouna, Silvina, Carmen, Iris e Concepción, merecen que as reivindiquemos e nunca as esquezamos, aínda que isto implique recoñecer que non foron elas senón o resto, quen fomos incapaces de prestarlle a axuda que necesitaban. O seu sacrificio non merece caer no esquecemento.
Por iso, dende Lalín queremos recuperar a memoria de resistencia destas mulleres asasinadas por violencia machista que non lograron conquistar a súa liberdade, pero ampliaron a nosa, e tamén para dicir que NINGUNHA MAIS e NINGUNHA MENOS, que todos os esforzos son necesarios para rematar con esta lacra e que todas as persoas, mulleres e homes, somos necesarias nesta loita.
O SILENCIO FAINOS CÓMPLICES!!
QUERÉMONOS VIVAS!!











