A segunda xornada da liga Consur-Cachiza xógase en Bueu este sábado
O Club de Atletismo Corredoiras e a Liga Nacional de Billarda (LNB), en colaboración co Instituto Municipal de Deportes, organizan a segunda xornada Consur-cachiza da temporada 2015/2016 este sábado, 31 de outubro, a partir das 16.00 horas no Campo da Estacada, aínda que se chove se pasará ao pavillón de Beluso. Este torneo forma parte dunha liga, cuxa primeira xornada tivo lugar en Marín, a segunda vai ser en Bueu e a terceira será en Cangas. O concelleiro de deportes, Manuel Otero, anima a todos os que desexen participar a que se inscriban o mesmo día ás 15.30, xa que haberá premios nas categorías absoluta, feminina e infantil. O material será proporcionado pola organización, e poderán participar tanto nenos como persoas adultas.
Otero salientou a gran acollida que está tendo esta disciplina, que se comezou a xogar regradamente na tempada do 2007/2008 e que “ten a vantaxe de ser un deporte sinxelo, fácil de aprender e que fomenta a convivencia interxeracional, xa que a comunicación importa tanto como a competición”.
A cachiza, tamén coñecida como billarda, é un xogo tradicional que se está recuperando, e que se practica en Galicia na actualidade a través de seis conferencias, as cales xogan as súas propias ligas e logo disputan a final en maio en Santiago.
Resumidamente, o xogo consiste en tratar de chegar coa billarda ata o varal antes có contrincante, utilizando para o mesmo golpes que imos dando co palán na billarda, despois de levantala do chan co mesmo, e golpeala posteriormente no aire para enviala ao varal.











