A plaza Massó de Bueu inaugurará a escultura ‘Inés Palmira’ de José Solla

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia-
A-
A+
Escultura de Inés Palmira

Escultura de Inés Palmira

A Deputación de Pontevedra e o Concello de Bueu celebran este sábado un dos actos máis agardados polos veciños e veciñas da vila: a inauguración da escultura con gravados do artista José Solla e que foi tallada en pedra pola Escola de Canteiros da Deputación de Pontevedra. Por iso, ás 12 horas a Praza Massó acollerá este acto no que será presentada esta obra de arte que pasará a engrosar o patrimonio cultural da vila buenense. Nel estarán o alcalde de Bueu, Félix Juncal, e a Presidenta da Deputación, Carmela Silva. Ademais, tamén se amenizará a xornada coa música de varios compoñentes da Banda de Gaitas Manxadoira, nativa de Bueu.

A escultura titulada ‘Inés Palmira’ representa a vida dos homes en xeral, xa que a arte non ten barreiras, tal e como recoñece o artista José Solla, natural de Marín, aínda que residente na maior parte da súa vida en Mar del Plata, e que pasa longas tempadas na nosa vila, á que se sente moi apegado e coa que o une un gran cariño. No ano 2012, o Concello de Bueu deulle o seu nome ao paseo de Agrelo- Portomaior, motivo polo cal o artista quixo agasallar a esta vila con estes 500 gravados nos que o artista investiu dous anos. En canto ás características técnicas da obra, os gravados foron inseridos polas catro caras dos dous bloques de pedra de cinco metros de largo por tres de alto. As obras de materialización duraron pouco máis dun ano, e culminan coa inclusión dunha escultura que humanizará a Praza Massó.

O pintor José Solla é natural de Castro, lugar da parroquia de Seixo, en Marín, e residiu desde o 1950 na Arxentina, aínda que pasa longas tempadas no Morrazo. No seu país de acollida goza dun recoñecido prestixio no mundo da arte e da cultura, xa que estudou na Escuela Superior de Artes Visuales Martín Malharro de Bos Aires e foi alumno do reputado mestre arxentino Demetrio Urruchúa. As obras de Solla atópanse nos principais museos do país e forma parte de coleccións públicas e privadas e no seu haber ten dun lote de premios de pintura obtidos tanto en Arxentina como en España. Ao longo da súa traxectoria, sempre actuou como embaixador do noso pobo, e con esta obra incrementará o seu recoñecemento.

8 de outubro de 2015 | 13:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.