Os concellos de Pontevedra descubren experiencias para reducir o custe da xestión do lixo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

A utilización do lixo como materia prima para obter un rendemento económico e social ademais de medioambiental foi o tema principal das xornadas ás que acudiu hoxe a expedición da Deputación de Pontevedra en Alsasua. Puxéronse de manifesto as posibilidades que o tratamento de residuos ten como creador de postos de traballo, con exemplos como os Traperos de Emaús e o Laboratorio de Reciclaxe Sakana Batuta Taldea, que se adican a arranxar produtos sacados do lixo e a reutilizalos para, por exemplo, realizar mobles e creacións artísticas. Ademais, nas xornadas tamén se expuxeron exemplos de xestión de residuos baseados na compostaxe, como Compostela Inserta ou Avicompo. Todas estas iniciativas poderían ser aplicables nos municipios de Pontevedra.

A deputada Eva Vilaverde destacou o aproveitamento que están a facer tódolos integrantes da viaxe organizada pola Deputación. “Estamos a aprender moito e recollendo ideas que despois os concellos de Pontevedra poden adaptar segundo as súas necesidades, medios e intereses. Nese camiño, ademais, a Deputación de Pontevedra estará ao seu lado, sobre todo se seguen a filosofía da redución do lixo e teñen en conta non só parámetros económicos, senón tamén ambientais e sociais á hora de optar por un sistema de xestión de lixo, é dicir, por unha economía circular”.

A nacionalista sinalou que “tamén se reforzou unha idea que xa traiamos dende Pontevedra que é que é fundamental a concienciación, participación e formación das persoas para que os sistemas de tratamento funcionen”.

As xornadas sobre ‘Economía circular e xestión de residuos’ comezaron coa participación do técnico da empresa Enviroment & Management, Ignaci Puig Ventosa, que falou da importancia de que as administracións non só tomen decisións sobre residuos baseadas no custe económico da xestión, senón tamén no custe ambiental.

Puig Ventosa explicou que é importante que os gobernos públicos, calquera que sexa a súa dimensión, utilicen os instrumentos ao seu alcance para poder chegar a unha economía circular e sustentable no tratamento do lixo. O técnico referiuse á importancia de que as comunidades autónomas apliquen impostos sobre os verquidos en vertedoiros e sobre a incineración para despois reverter os ingresos en políticas finalistas. Deste xeito, os municipios recibirían ‘premios’ económicos segundo o seu grao de implicación: os que tiveran un mellor grao de cumprimento do sistema aforrarían parte do imposto xenérico e  tamén cobrarían un ‘plus’. Esta política leva aplicándose en Cataluña dende 2004 e multiplicou a recollida selectiva nos concellos de xeito exponencial.

No caso dos municipios, Puig Ventosa recoñeceu que nestes momentos a maioría dos concellos aplican unha ‘tarifa plana’ ao lixo, cando o ideal ambientalmente sería que as taxas se estableceran en función da cantidade xerada. Para poñer isto en práctica o experto aposta pola recollida porta a porta (PAP) que está moi implantada no resto da Unión Europea. Un dos sistemas que propón para poder calcular o lixo é a venda de bolsas que os usuarios deben pagar segundo as necesiten. Outro sistema moito máis sofisticado e de difícil implantación é a posta a disposición de cubos con microchip que detecten cantas veces se baleira o caldeiro.

Traperos de Emaús e Compostela Inserta

Outra das experiencias ‘circulares’ que se expuxo hoxe nas xornadas de Alsasua foi a dos Traperos de Emaús, que o seu representante, José María García definiu como “un espazo humano con intencionalidade política transformadora” que se adica a recoller, clasificar e vender obxectos e materiais procedentes dos residuos. Esta organización está formada por 215 persoas con problemas de integración social ou inmigrantes que lle dan unha nova vida a obxectos que outros consideraron que xa non servían. A maior parte dos obxectos reutilizados logo dunha reparación “manual” foron mobles, aparatos eléctricos como neveiras ou lavadoras e roupa.  Neste caso, segundo explicou García, tanto hai beneficios económicos como sociais e medioambientais. En breve, este colectivo estreará unhas instalacións de 20.000 metros cadrados que servirán como centro de preparación para a reparación e o reciclaxe.

O galego Ramón Plana tamén tivo a súa exposición nas xornadas de Alsasua coa experiencia Compostela Inserta aplicada no Concello de Amio. Tratouse dun proxecto no que se deu formación a unha ducia de persoas que aprenderon como se fai o tratamento para facer compost. O custe deste tratamento por tonelada de FORM foi duns 46 euros por tonelada ao principio e de 32 euros logo da amortización da inversión realizada. O aforro real para o Concello de Amio acadou os caso 42 euros por tonelada con respecto ao sistema de incineración.

Os membros do Laboratorio de Reciclaxe Sakana Batuta Taldea, Javi Trapero e Luis Díaz, tamén deron a coñecer a súa historia de creación dunha empresa de mobles que utiliza o lixo como materia prima e que “reutiliza con arte”. A súa filosofía tamén se basea na economía colaborativa, facendo intercambios cos materiais e cobrando en ‘especias’.

Avicompo e Parque dos Sentidos

Durante o día de onte a expedición pontevedresa tamén coñeceu unha iniciativa de 30 familias de Noáin (Navarra) para aproveitar a fracción orgánica dos seus residuos e producir de maneira autoxestionada compost e ovos nun espazo de encontro común urbano.

O avicompo consiste nunha sinxela instalación de baixo custe ideada pola Universidade Pública de Navarra e o consultor Ramón Plana que está integrada por tres compostadores cúbicos de pequenas dimensións incorporados nun galiñeiro con acceso a dous pequenos patios exteriores. As 30 familias voluntarias levan os restos das súas comidas diariamente e cada día do mes correspóndelle a cada unha delas levalos ao avicompo.

Dez galiñas e un galo aliméntanse case exclusivamente dos restos orgánicos do primeiro compostador, contribúen a optimizar o proceso da compostaxe xa que contribúen ao triturado dos restos máis fibrosos e ao seu mezclado. As familias tamén se encargan da xestión e limpeza do galiñeiro e retiran os ovos producidos ese día, o que supón un incentivo directo.

O avicompo está no Parque dos Sentidos de Noáin, xunto a unha horta comunitaria supervisada pola fundación Varazdin, que usa o compost producido. A maioría dos visitantes do parque non se decatan de que alí se xestionan cinco toneladas de residuos das cociñas das familias da zona. Actualmente hai unha longa lista de espera de familias para participar na experiencia.

8 de setembro de 2015 | 18:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.