Economía e Industria achega aos emprendedores de Lugo os instrumentos para crear e consolidar novas empresas
Achegar aos emprendedores da provincia de Lugo os servizos e as axudas existentes para apoiar a posta en marcha ou a consolidación de novas empresas é o obxectivo fundamental da Xornada Galicia Emprende, que se desenvolverá mañá xoves, día 1 de outubro, a partir das 10 horas na sede da Pazo de Feiras e Congresos de Lugo, organizada pola Consellería de Economía e Industria, a través do Igape, e a Escuela de Organización Industrial (EOI).
Os empresarios e emprendedores que participen neste encontro arredor do emprendemento, que ten carácter gratuíto, terán oportunidade de recibir asesoramento de expertos sobre aspectos relevantes na xestión empresarial como o márketing, as finanzas, a estratexia ou a internacionacionalización.
O encontro, cofinanciado polo FSE, incluirá ademais talleres de comunicación sobre o plan de negocio e actividades de adestramento en técnicas de xestión empresarial. Por outra banda, haberá unha charla de financiamento e unha mesa redonda con experiencias de emprendedores, contando coa participación de empresas como Champivil, Vinissi e Queixería Praza do Campo.
Entre outros servizos ao seu dispor, os emprendedores asistentes tamén terán a oportunidade de gravar en vídeo sínteses dos seus proxectos que se difundirán a través das redes sociais e que lles poderán servir para darse a coñecer ou para acadar financiamento.
Esta xornada Galicia Emprende é a segunda dun ciclo de encontros arredor do emprendemento que se celebrarán tamén, durante as próximas semanas, na Coruña e Vigo, para rematar cun Foro de Emprendemento que se desenvolverá en Santiago de Compostela. A Xunta de Galicia está a dar un forte pulo á posta en marcha de novas iniciativas empresariais co reforzamento da Unidade Galicia Emprende para achegar formación, asesoramento e titoría gratuítas, mediante instrumentos como a Rede Galega de Mentores, aos promotores de novas iniciativas empresariais.











