Concello de Lalín e Fundación Galicia Verde crearán unha horta comunitaria ecolóxica na localidade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia-
A-
A+

A concelleira de Medio Ambiente, Celia Alonso, o alcalde, Rafael Cuíña, e Cristina Barreiro, da Fundación Galicia Verde, presentaron hoxe o novo proxecto de horta comunitaria que se poñerá en marcha en Lalín de xeito coordinado entre o Concello e a sociedade ambiental. Esta primeira horta crearase nun espazo verde en desuso de titularidade municipal,situado a carón do Centro Comercial Pontiñas, na Rúa do Río, na parte traseira do bloque de edificios denominado Corredoira e Quixote. A iniciativa preséntase como “un lugar comunitario de convivencia, educativo e de respecto ao medio ambiente”, explicou Alonso, que dixo sentirse “moi ilusionada” coa súa posta en marcha. Así mesmo, indicou que tamén se persegue “adecentar un espazo para facer del un lugar bonito e agradable, que todos queiran ter preto da súa casa”.  O alcalde, Rafael Cuíña, coincidiu coa valoración da concelleira no “interesante e ilusionante dunha proposta que de seguro terá éxito e se acabará estendendo a outras zonas de Lalín”. Pola súa parte, Cristina Barreiro explicou que se “trata dunha iniciativa pioneira, que versará sobre o intercambio de coñecementos e experiencias, e que poñerá en valor a comunicación interpersoal, a colaboración e o respecto mutuo”.

A horta ecolóxica, “que só funcionará baixo a vinculación e a participación da cidadanía”, terá capacidade para acoller primeiramente a 15 participantes. Tanto a selección dos mesmos como a adxudicación das parcelas farase mediante procedemento público. As solicitudes poderán presentarse dende mañá no concello e ata o día 15 de outubro, entregando unha fotocopia do DNI, o modelo de solicitude debidamente cuberto e o documento de conformidade coa normativa de uso do espazo asinada. Terán prioridade de participación aquelas persoas que manteñan algún vínculo co barrio no que se ubica a horta, así como aquelas familias cun maior número de fillos. Non se permite máis dunha solicitude por persoa ou unidade familiar. Unha vez seleccionados os participantes, convocarase unha asemblea informativa na que tamén se elixirá un responsable grupal do espazo.

O Concello de Lalín, ademais de ceder a parcela, colaborará coa aportación de todas as necesidades materiais xurdidas do desenvolvemento do proxecto. Tamén se encargará dos gastos derivados do uso do regadío e levará a cabo todas as xestións administrativas necesarias para o seu bo funcionamento. Pola súa parte, Galicia Verde encargarase de tarefas de formación, asesoramento e resolución de posibles problemas derivados da práctica da ecoagricultura. Os participantes comprometeranse a manter a horta en perfectas condicións para o seu desenvolvemento e recollerán as súas colleitas que, no caso de haber excedentes, irán destinados a fins sociais.

No mes de novembro comezarán os primeiros traballos de laboreo sobre a parcela, consistentes na preparación do terreo. Tamén se procederá á colocación das casetas de almacenamento de material e ao pechamento do recinto. Segundo Celia Alonso, en marzo poderán estar plantados os primeiros vexetais.

30 de setembro de 2015 | 20:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.