‘As mil e unha noites’ foi o primeiro espectáculo da Semana Cultural de Oroso que puido celebrarse no exterior

Representación do espectáculo
A representación de ‘As mil e unha noites’, da compañía Ghazafelhos, é o primeiro espectáculo da Semana Cultural de Oroso 2015 que a meteoroloxía permitiu desenvolver no exterior da piscina municipal, sen ter que trasladalo ao centro cultural de Sigüeiro, como sucedeu nas xornadas anteriores. Esta adaptación do clásico para o público infantil, que inclúe números de maxia, contou con máis de medio cento de nenos e nenas, acompañados por familiares.
Para mañá xoves, a Semana Cultura programa ‘O fabuloso mundo do Mago Romarís’, un espectáculo que aglutina numerosas ilusións ópticas. Será entre as 17 e as 21 horas, tamén no exterior da piscina municipal. Como sempre, se a meteoroloxía non é favorable, está previsto que a actividade se desenvolva no centro cultural. E a partir das 22 horas, a xornada rematará cunha sesión de observación astronómica na zona verde da piscina, que loxicamente cancelaríase en caso de mal tempo.
Xa para o venres 4, derradeiro día da Semana Cultural, as actividades proseguen cunha xincana no exterior da piscina entre as 11 e as 13 horas. É unha proposta para maiores de 6 anos, gratuíta e con inscrición previa. E do remate do programa encargaranse os compoñentes da Aula de Música do Concello de Oroso, que actuarán a partir das 20 horas no exterior da piscina.











