A expedición pontevedresa en Navarra descobre o camiño correcto dos pequenos composteiros comunitarios ás gr
Comezar por facer unha recollida selectiva incluíndo os residuos orgánicos para plantas de compost básicas e despois instalar plantas de compostaxe. Esa é a aposta do consultor e investigador italiano Michele Giavini, que onte participou nas xornadas sobre xestión do lixo en Alsasua ás que acode a expedición formada por 45 alcaldes, concelleiros e técnicos da provincia de Pontevedra.
O plantexamento de Giavini coincide co que a Deputación de Pontevedra, a través do asesor Carlos Pérez, está a plantexar aos municipios pontevedreses que queren modificar o seu sistema de tratamento de lixo de xeito inmediato e apostar pola compostaxe como forma de reducir custes económicos e ambientais no tratamento dos residuos sólidos.
Como explicou a deputada Eva Vilaverde, a Deputación estaría disposta a apoiar proxectos de compostaxe de pequeno tamaño este mesmo ano en calquera lugar da provincia. De feito, a creación de plantas de compostaxe dun tamaño maior sería unha decisión posterior.
“É mellor iniciar una recollida selectiva e que as plantas cheguen logo, porque se os concellos agardan a ter preto unha planta de tamaño amplo ao final non se comeza a recoller a fracción orgánica da bolsa do lixo” e non se cumplen os obxectivos da UE. Estes obrigan a que en 2020 se trate o 50% do residuo urbano e a un 70% no 2030.
O consultor italiano insistiu en que o papel dos concellos e dos alcaldes é fundamental na toma de decisións. Asegurou que as administracións de maior tamaño tamén poden levar adiante plans de xestións e dar as guías ou os modelos, na liña que está a seguir o vicepresidente da Deputación, César Mosquera, de poñerse a disposición e apoiar aos gobernos locais para preparar estratexias de recollida selectiva.
Giavini explicou que en Italia, país pioneiro no Mundo no tratamento dos residuos orgánicos mediante compost (comezouse hai máis de 25 anos), existen plantas de grandes dimensións repartidas por todo o país, que tratan entre 20.000 e 270.000 toneladas por ano da fracción orgánica do residuo municipal (FORM). Nestes momentos en Italia acádase una porcentaxe de recollida selectiva que alcanza nalgunhas áreas o 70% e chegouse ós cinco millóns de toneladas por ano de biorresiduo.
A experiencia de Piñor
O exalcalde de Piñor (Ourense), Francisco Fraga, tamén participou nas xornadas de Alsasua e incidiu na importancia da implicación dos políticos para levar adiante sistemas de tratamento de lixo que teñan beneficios ambientais e supoñan un aforro económico para os veciños e os concellos.
Fraga explicou a experiencia do municipio durante os últimos anos co compost e recoñeceu que el mesmo se implicou na formación dos veciños para poder levar adiante unha separación axeitada “e incluso miraba baixo a tapa do contentor”. “O que fixemos nós pódeno facer todolos concellos de Galicia porque teñen as mesmas características. O sentido común e a vontade política son o único que se precisa”, dixo.
Piñor é un municipio con 1.300 veciños nuns 60 núcleos. Comezou coa compostaxe con 100 composteiros e a colaboración fundamental das asociacións ecoloxistas. No 2008 púxose en marcha unha bonificación da tasa do lixo para os veciños que participaban no proxecto e seleccionasen ben os envases do contentor amarelo e subiuse o recibo aos demais veciños ata 30 euros. Fraga contou que para comprobar que a recollida selectiva se facía correctamente se entregaron unhas etiquetas alfanuméricas para pegar nas bolsas, ver o lixo e identificar cal era a súa orixe para así poder advertir a cada familia concreta de se o estaba a facer ben. No 2013 volveuse a subir a taxa do lixo (a 50 euros) e seguiuse bonificando aos participantes, chegando a duplicar o número de xente que estaba no programa.
A compostaxe supuxo en sí para o concello un importante aforro no custe da xestión do lixo ao reducir o volume de residuos que se enviaba a Sogama (máis de 92.000 quilos) e ao ser máis barata como tratamento que a incineración. Sen embargo, Fraga recoñeceu que o aforro práctico real foi pouco porque Sogama subiu o seu prezo máis dun 30%. “Algúns negámonos a pagar, pagamos según o que tiñamos no convenio. Sogama levounos ao xulgado e o xuíz admitiu a pretensión de Piñor e dubidou sobre a legalidade da subida de prezo, polo que presentou sobre cuestión de constitucionalidad ao Tribunal Constitucional. Agora coñeceranse outras resolucións doutros concellos”, lembrou.
“O de Piñor foi un proceso moi participativo que tivo que pararse (houbo un cambio na Alcaldía) e agardo que non se volva atrás no proceso”, indicou.
No coloquio posterior á intervención de Francisco Fraga foron varios os representantes dos concellos pontevedreses que se interesaron por detalles do sistema aplicado. Como exemplo, a concelleira de Medio Ambiente do Rosal explicou os datos do seu concello e salientou a semellanza con Piñor, agardando poder chegar aos datos finais do municipio ourensán.
Por último, nas xornadas interveu o investigador catalán Francesc Giró, que fixo unha exposición da situación de Cataluña sobre os residuos. Destacou, ao igual que os demais conferenciantes, a importancia da concienciación e da implicación política na posta en marcha de sistemas de tratamento de lixo que teñan en conta as visións tanto económica como ambiental. Lembrou que a Unión Europea marca como obxectivo que no 2020 se trate ou reutilice o 50% dos residuos sólidos urbanos, algo inviable se non se trata a parte orgánica do lixo.
O catalán, tras proporcionar datos numéricos sobre o FORM e o seu tratamento, así como facer propostas para valorizar os residuos, agradeceu ao auditorio formado pola expedición pontevedresa o interese mostrado na materia.
Na presentación de Giró, o investigador galego Ramón Plana, indicou que “se hoxe en día hai recollida selectiva en Cataluña é gracias a el. Alí levan 30 anos de vantaxe e hai moito que aprender dos erros e acertos”.
Visitas a tres instalacións
Durante a tarde de hoxe a expedición pontevedresa en Navarra visitou as plantas de compostaxe de Irurtzun, Leitza e Usurbil.
Irurtzun é un pequeno municipio navarro de 2.200 habitantes que forma parte da mancomunidade de Sakana. Houbo un reparto de compostadores domésticos e instaláronse oito zonas de compostaxe comunitaria para que os veciños que quixeran deixasen o seu lixo orgánico. Nestes momentos colaboran 100 familias de xeito voluntario.
No caso de Leitza, trala realización dun estudio para analizar as diferentes alternativas de xestión de residuos, a mancomunidade de Mendialdea (á que pertence o concello) decidiu impulsar a compostaxe individual, comunitaria e comunal. Nas zonas diseminadas estase a impulsar a compostaxe doméstica e nos núcleos de máis densidade a compostaxe comunitaria. Os restos de poda e dos xardíns trátanse nas áreas comúns. Houbo distintas campañas de sensibilización nos dous últimos anos e realiza compostaxe o 30% da poboación e 17 grandes xeradores (restaurantes, fruterías…). En total repartíronse 150 compostadores e hai 9 zonas de compostaxe comunitarias. O seguimento dos composteiros domésticos faino a mancomunidade e o das zonas comunitarias os traballadores do concello.
O municipio de Usurbil implantou en 2009 un sistema de recollida de residuos porta a porta e ten chegado de reciclar o 28% ao 82%. Os veciños que o desexan poden realizar tanto compostaxe doméstica como comunitaria e a cambio reciben unha bonificación na taxa do lixo.











