A expedición da Deputación de Pontevedra aprende da experiencia de Epele para mellorar a súa planta de compost

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+
Visita da expedición ás instalacións de Epele

Visita da expedición ás instalacións de Epele

A expedición da Deputación en Navarra, formada por 45 alcaldes, concelleiros e técnicos de toda a provincia de Pontevedra, coñeceron no día de onte as instalacións da planta de compostaxe de Epele (Bergara), que na súa concepción é moi similar á que se pretende instalar na Canicouva en Pontevedra. Así mesmo, tamén podería servir como referencia para unha posible planta de tratamento mancomunada dos concellos do Morrazo e do Baixo Miño. Os gobernos locais destas dúas comarcas expresaron nas reunións co vicepresidente provincial, César Mosquera, a súa aposta tanto pola compostaxe para reducir a cantidade de residuos que se trasladan a Sogama como por facer unha xestión colectiva.

A planta de Epele, que se porá en marcha en outubro no País Vasco, dará servizo a tres mancomunidades chegando a tratar 9.000 toneladas por ano das 35.000 que se xeran en toda a comunidade. No caso de Pontevedra o obxectivo é tratar unha cantidade similar da fracción orgánica do residuo municipal (FORM) e acadar aproximadamente unhas 2.300 toneladas de compost.

En Epele o proceso de compostaxe necesita de oito túneles nos que se fará a bioxidación da parte orgánica do lixo mesturada con estruturante (ao 50%). Mediante sistemas de aireación e rego evitarase que as temperaturas suban dos 70º durante unhas catro semanas. Trala bioxidación, o compost fresco colocarase en pilas onde continuará en fase de maduración outras seis semanas. Ao longo dese período voltearase tantas veces como sexa preciso e, por último, o compost será cribado para retirar os elementos de gran tamaño e así conseguir un produto refinado en condicións de comercialización.

No caso da planta de tratamento de Pontevedra, segundo lembrou o asesor provincial en residuos, Carlos Pérez, farase un tratamento con nitróxeno e en cámaras pechadas en lugar de facelo por osíxeno e aireación. Isto suporá un importante beneficio, xa que o proceso será máis rápido que en Epele e requirirá de menos espazo, posto que ao estar hermeticamente disposto o material a descomposición dos orgánicos producirase antes. En Pontevedra, de feito, só haberá catro túneles de tratamento na primeira fase (de descomposición).

A novidade que incorporarán as dúas plantas de tratamento, tanto a de Pontevedra como a de Epele, será a de utilizar biofiltros (unha piscina de codias) que minimizarán as emisións de cheiros á atmosfera. Ademais utilizaranse os lixiviados xerados no proceso de fabricación do compost para a humidificación da materia no inicio do proceso. Deste xeito habería cero emisións e non sería precisa a presenza dun xestor de depuración.

A planta de Epele e a de Pontevedra teñen, segundo os técnicos da Deputación de Pontevedra, o tamaño máximo para ser consideradas eficientes e sostibles economicamente.  No caso da planta vasca, o seu custe elevouse a 6 millóns de euros, aos que hai que sumar outro millón gastado en maquinaria e outros tres en terreos, infraestruturas de acceso, desmontes e outros traballos. O montante global da instalación ascende a uns 10 millóns de euros. En Pontevedra, a estimación inicial roldaba os 5,7 millóns de euros, se ben a intención da Deputación provincial e do seu vicepresidente, César Mosquera, é reducir as súas dimensións o máximo posible e, por tanto, o seu custe. Coa visita de onte, segundo explicou a deputada nacionalista Eva Vilaverde, a expedición pontevedresa convidada polo organismo provincial a Navarra “coñeceu de primeira man as vantaxes e inconvenientes dunha planta de tratamento de grandes dimensións”.

Nestes momentos a Deputación anima aos concellos a iniciar a súa experiencia na compostaxe (co fin de reducir custes económicos e ambientais tratando ‘in situ’ boa parte do FORM en lugar de mandalo a Sogama) coa instalación de composteiros comunais de pequeno tamaño. Ese sería o primeiro paso máis adecuado – e máis rápido- para ir concienciando á cidadanía e abaratando o custe real do tratamento do lixo. En calquera caso, como lembrou Vilaverde “a Deputación xa ten mostrado tamén a súa disposición para asesorar, xestionar e incluso apoiar economicamente a posta en marcha de plantas de tipo mancomunado (como serían as que se poderían sacar adiante no Morrazo e no Baixo Miño) sempre e cando a implicación dos concellos da contorna sexa real”. O organismo provincial, de feito, estaría incluso disposto a facerse cargo do cobro do recibo do lixo dos veciños de calquera comarca para facilitar o labor dos concellos que decidan ter en conta que os custes medioambientais son igual de importantes que os económicos á hora de elixir o seu tipo de xestión de residuos.

A viaxe organizada pola Deputación de Pontevedra, concretamente polo departamento de Medio Ambiente que xestiona o vicepresidente provincial César Mosquera, reuniu a representantes políticos e técnicos de 25 concellos. Están presentes catro alcaldes e preto dunha vintena de concelleiros de áreas de Medio Ambiente e Servizos que están a aproveitar para formular tódalas súas preguntas e dúbidas aos expertos das plantas de tratamento que se están a visitar.

Estes representantes dos concellos na expedición mostraron a súa admiración polo bo funcionamento das mancomunidades vascas e navarras á hora de afrontar o tratamento do lixo.

No día de hoxe a expedición pontevedresa, da que forman parte as deputadas Eva Vilaverde e Digna Rivas, están asistindo ao curso organizado pola Universidade Pública de Navarra ‘Economía circular e xestión de residuos’.

8 de setembro de 2015 | 18:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.