A Deputación de Pontevedra aposta polas asociacións locais para o fomento da música tradicional
A Deputación de Pontevedra, na súa liña de mudar a súa política de concesión de axudas e tal como xa anunciara no seu momento, en vez de realizar subvencións directas dotará aos concellos dun fondo xeral para que determinen que accións e iniciativas queren financiar. Partindo desta decisión e no relativo á non renovación do convenio coa Asociación Cultural Banda de Gaitas, o deputado da área de Cultura, Xosé Leal, reafirma a postura do ente provincial de que sexan os concellos “os que decidan que asociacións culturais queren financiar a través do propio fondo xeral do que van dispor”. Deste xeito, a Deputación de Pontevedra continuará apoiando a música tradicional, pero sempre en colaboración cos concellos, aos que Leal define como “os verdadeiros protagonistas da xestión cultural xunto coas asociacións de cada vila”.
Nesta liña, “correspóndelle aos concellos, ben de xeito individual, ben de xeito mancomunado, decidir se queren seguir contando coa escola da banda de gaitas subvencionada con cargo ao mencionado fondo xeral” matizou Xosé Leal.
En relación ao financiamento das escolas dependentes da Banda de Gaitas, o deputado provincial entende que “non é xusto subvencionar as escolas da Banda de Gaitas, que non imparten unha educación regrada nin con título, cando na provincia hai multitude de asociacións culturais que tamén imparten cursos similares e que non contan con subvencións provinciais”. Xosé Leal considera que “esta asociación tiña un trato privilexiado por parte do anterior goberno provincial que non respondía a ningún tipo de xustificación” e que esta situación supoñía “unha competencia desleal ao primar unha asociación cultural sobre as demais da provincia”.
O deputado provincial de Cultura entende que o alumnado das escolas da Banda de Gaitas non se verá privado de seguir coa formación que viña recibindo ata o de agora, xa que estas escolas poderán optar a outras vías de financiamento na contorna da súa comunidade.
Polo tanto, a Deputación de Pontevedra non está disolvendo as Escolas da Asociación Cultural da Banda de Gaitas Provincia de Pontevedra, senón que decidiu non facer fronte á renovación do convenio entre o organismo provincial e a asociación cultural, por entender que non é unha competencia provincial.
Por último, sobre as dúbidas sobre o cobro e xestión da matrícula, desde fai tres anos as escolas da Banda de Gaitas cobran 25 euros por alumno/a en concepto de matrícula. A Deputación de Pontevedra aclara que en ningún momento xestionou o cobro das matrículas das escolas da Banda, senón que esta xestión sempre dependeu única e exclusivamente da Asociación Cultural Banda de Gaitas.











