A consellería de Cultura investiu 175.000 euros para solucionar os problemas de humidades da igrexa de San Pedro de Soandres na Laracha
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, visitou hoxe a igrexa de San Pedro de Soandres, na localidade coruñesa da Laracha, na que o seu departamento acaba de investir máis de 175.000 en obras de restauración. Durante a súa visita o titular do departamento de Cultura da Xunta de Galicia estivo acompañado polo subdirector xeral de Conservación e Restauración de Bens Culturais, Manuel Chaín; e pola secretaria territorial da Xunta na provincia da Coruña, Camino Triguero.
Segundo explicou Román Rodríguez a intervención, xa rematada, centrouse na eliminación das humidades que padecía a igrexa. Completa, así, as obras de restauración realizadas en anos anteriores polo Goberno galego. Os traballos consistiron principalmente na renovación dos revestimentos interiores de cal, limpeza dos paramentos de cantería polo interior dos muros das ábsidas e colocación de novos encintados con morteiro de cal polo interior dos muros de cantería da nave norte e ábsidas. Ademais mellorouse a ventilación do templo mediante a construción dunha banda de aireación perimetral na base dos muros e piares.
Así mesmo, realizáronse novos rexuntados na cara exterior das fábricas das fachadas oeste e parte da norte, para evitar a entrada de auga nos muros, así como inxeccións de morteiro; e executáronse dúas gárgolas de zinc nas cubertas sobre as ábsidas para afastar a auga de choiva das fachadas e evitar así a súa penetración cara ao interior, entre outras actuacións con este fin.
‘O Convento’
A igrexa gótica de San Pedro de Soandres é coñecida popularmente como ‘O Convento’. O templo é de planta basilical, con tres naves e tres ábsidas poligonais que ao exterior están coroados por canzorros de factura románica, ao igual que os do muro norte, posibles reliquias dunha construción anterior. En cada unha das capelas absidais vemos o seu correspondente baldaquino do século XVIII. Apegados aos muros laterais levántanse dous altares de pedra, nas que se poden contemplar dúas pequenas tallas das mesmas características, que representan a Santa Marta e a Santa Lucía. No altar da dereita chama a atención unha figura de pedra policromada de aspecto rústico, unha imaxe de Santa Marta, procedente da derrubada capela situada no monte de mesmo nome.
Aínda que datado no século XVI, o templo presenta algúns restos románicos e incluso anteriores que fan pensar nunha orixe anterior, dado que o propio mosteiro xa aparece documentado nos séculos X e XI.











