San Sadurniño encadeará tres días de festa con Santa Sabela e co Festival do Río Castro
Estamos en festa!, como dirían Os Resentidos. Porén, non será este grupo da “movida” viguesa quen protagonice o programa de Santa Sabela deste ano, senón outro e quizais máis de culto que a banda de Reixa -segundo gustos-. E é que o venres á noite chegará ao patio do CPI o grupo Siniestro Total. Si, si, Siniestro, os auténticos e xenuínos… os de “Ay Ayatollah, no me toques la xxxxxx!” e “Miña Terra Galega”, entre outras. Subirán ao escenario sobre as 00.45h. para repasar o que para moitos e moitas é parte fundamental da banda sonora dos 80 e 90. Porén, antes deles escoitaremos outro grupo que leva trazas de converterse tamén en banda de culto. Non son teloneiros, tocan antes, que é distinto. E aínda por riba son da casa. Falamos da Sandford Music Factory. Rock alternativo en inglés feito desde aquí, moi valorado pola crítica e tamén polo público. Xunto coa orquestra Nueva Generación eles e Siniestro Total encherán a noite dunhas festas que comezan xa este xoves co grupo Bomba e a orquestra Xacobeo. Variedade musical para a patroa de San Sadurniño que nos levará o sábado ata Naraío para gozar do XXII Festival do Río Castro organizado pola A.VV. O Castelo.
A festa arranca o xoves pola mañá coas alboradas tradicionais e coa música de Vai rañala meu!, un grupo de música tradicional que percorrerá a parroquia enchendo as rúas de troula ata o momento da misa, programada para as 12.30h., aínda que seguramente eles continúen coa festa ata a sesión vermú das 14.00h. coa orquestra Xacobeo.
En ningún patrón que se prece pode faltar o deporte. Por iso ás 18.30h. xogarase un partido de fútbol de persoas solteiras contra casadas no campo que hai ao pé do mesón A Granxa. Un encontro que, como adoita pasar, ofrecerá unha boa sesión de risas, piques e, seguramente, tamén algunha rotura de fibras no minuto 1. Anque tamén pode ser que levemos unha sorpresa e que, en vez diso, asistamos a un xogo vistoso, limpo e técnico… que xa non tería tanta gracia.
Pola noite, a partir das 22.30h., repetirá a orquestra Xacobeo abrindo e pechando a verbena. No medio actuará o grupo Bomba. Procedentes de Fuerteventura andan de xira por Galicia e Asturias con “Only Swing”, un espectáculo dos que arrastran centos de fans da música tropical, tan lixeira -en todos os aspectos-, tan bailable e pola que tanta querencia ten a mocidade de hoxe en día.
Venres 3, festivo en Sansa
O festivo local en San Sadurniño este ano trasladouse ao venres para empatalo coa fin de semana. Sen desmerecer a programación da véspera, quizais sexa este o día máis potente, sobre todo no referido a música. A misa das 12.30 cantarana as masas corais de Lamas e de San Sadurniño mentres que a sesión vermú correrá por conta de Nueva Generación, que volverá pola noite para facer dous pases, un a partir das 22.30h. e outro despois das 2.15 da mañá.
Entrambos teremos a actuación da Sandford Music Factory, que comezará ás 00 h., e a de Siniestro Total, quen ofrecerán a partir das 00.45h. algo máis de hora e media de concerto máis os bises que teñan a ben concederlle ao público. Aínda que hai aparcadoiro ao pé da festa e tamén ao pé do centro de saúde, o espazo é limitado. Por iso quizais sexa boa idea vir con tempo, aparcar sen necesidade de baixar santos, cear ou picar algo nalgún dos restaurantes da zona e despois tirar para a festa para gozar dun espectáculo que, posiblemente, tarde en repetirse.
Ademais, vir cedo ten outro aliciente. Ás 18.00h. a asociación Brío ofrecerá na praza do antigo Concello unha clase aberta de baile moderno para todos os públicos e unha hora despois, ás 19.00h., farán unha exhibición de danza e ximnasia rítmica. E nada de música enlatada, as melodías poraas ao vivo o grupo Song volans.
O sábado, todos e todas para Naraío
A asociación de veciños O Castelo de Naraío organiza a XXII edición do Festival do Río Castro. Unha cita que cadra sempre o primeiro sábado de xullo e que, neste caso, enlaza coas festas patronais da parroquia de San Sadurniño. Cadroulle. O programa do festival deste ano é un calco do do ano pasado, cando a choiva torrencial da noite impediu desfrutar como sería debido do fantástico cartel que había preparado.
Actuarán a pequena zanfonista e gaiteira María López, Vai rañala meu!, Taghaitai Manila e O Sonoro Maxín. Noite de festa ao son da música do país que chegará precedida dunha completa e variada oferta de actividades durante toda a tarde. Despois de xantar a Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional (AGXPT) coordinará xogos para os nenos e nenas antes da actuación -ás 17.30h.- de María Fumaça co espectáculo de música e baile “Xiquei Xoque, Fiú Fiú!”.
Á tardiña desenvolveranse os xogos tradicionais para maiores. Chave, tronzador e tiro á corda para poñer a proba forza e destreza xusto antes de cear e dos concertos da noite.











