publicidade hoxe

San Sadurniño cumprirá de inmediato as sentenzas sobre o pagamento do canon de Sogama

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

O Xulgado do Contencioso-Administrativo nº 1 de Ferrol acaba de resolver os procedementos oridnarios emprendidos por Sogama contra as devolucións das facturas por parte do Concello de San Sadurniño desde abril do ano pasado. A sentenza dalle a razón á empresa semipública e condena á administración local ao pagamento de 16.993,88 euros polas contías adebedadas de abril, setembro e outubro e os xuros de demora. San Sadurniño devolvera as facturas incrementadas unilateralmente por Sogama nun 33% ao abeiro da Lei de Presupostos da Xunta para o 2014, por entender que os documentos de pagamento non se axustaban ao acordo de adhesión ao sistema de recollida suscrito en 2004, onde se estipulaba que a actualización anual do canon seguiría a suba do IPC. Malia que as sentenzas -tres con idéntico contido- non son recurribles e o Concello deberá pagar, aínda hai outra vía aberta que podería virar a tortilla en favor dos municipios que, coma San Sadurniño, rexeitaron a suba. E é que o caso do canon vai camiño do Tribunal Constitucional logo de que o xuíz do Contencioso-Administrativo nº2 de Ourense detectase indicios de inconstitucionalidade na manobra de vincular o incremento do canon á Lei de Presupostos.

Dito doutro xeito, ao tratarse dunha suba reflectida nunha lei os xuíces e xuízas non teñen máis remedio que acatala e facela cumprir. Porén, a vía xudicial aberta polo Concello de Piñor, en Ourense, non vai tanto polo incumprimento dos contratos asinados entre Sogama e os municipios senón polo feito de que a suba do 33% por tonelada de lixo se incluíse nunha disposición adicional da lei de orzamentos autonómicos. Un proceder que, segundo o xuíz do Contencioso-Administrativo nº 2 de Ourense, “incumpre a lexislación básica estatal sobre contratos públicos”, indicando ademais que a Lei de Presupostos “non é o instrumento legal axeitado” para regular sobre esta cuestión.

Mentres o Tribunal Constitucional non se pronuncie sobre o asunto, empezan a ditarse sentenzas desfavorables para os intereses municipais. No caso de San Sadurniño son preto de 17.000 euros correspondentes a tres facturas, aínda que a contía total acumulada ata o momento sería de 72.500 euros. “O Concello ten suscrito un acordo con Sogama desde o ano 2004 que estipula a suba do prezo do lixo co IPC. Cando chegaron as facturas cun importe maior do recollido no convenio desde o Concello actuouse con responsabilidade cara á veciñanza e de acordo coa legalidade. Por iso se devolveron as facturas e se lle indicou a Sogama que debía corrixilas”, explica Secundino García. O rexedor local engade, ademais, que para actuar desta maneira “contamos co informe favorable da secretaría municipal”.

Para o alcalde, un fallo contrario do Contencioso-Administrativo de Ferrol -ao que acudiu Sogama para invalidar a devolución das facturas- “era unha das posibilidades coas que xa contabamos” e por iso “desde o primeiro momento fixéronse as reservas de crédito necesarias para pagar o importe esixido pola empresa”. García asegurou tamén que o aumento do canon “non se lle trasladará á xente”.

Secundino García dixo que o Concello “acatará a sentenza” e que satisfará as contías estipuladas “de inmediato” precisando, iso si, que se lle reclamará a Sogama “ata o último céntimo cobrado de máis” se finalmente a suba do canon é declarada inconstitucional. “Estamos convencidos de que a razón nos asiste e agardamos que se demostre en breve tanto no noso caso como no doutros concellos” engadiu o rexedor.

En contra do modelo

En relación co tratamento do lixo, Secundino García remarcou a crítica a un modelo “esgotado e insustentable desde o punto de vista ambiental” que, segundo o alcalde, se xestiona desde a Xunta “atendendo máis aos intereses de Gas Natural-Fenosa (que posúe o 49% do accionariado) que aos de todos os galegos e galegas”.

Desde o goberno local lémbrase que a suba ata os 76 euros do prezo de tratar cada tonelada de residuos “fundamentouse nunhas previsións de presuntas perdas económicas que despois resultaron estar equivocadas”, así como o feito de que se puxese aos municipios “entre a espada e a parede” dándolles un prazo de dous meses para decidir se querían seguir en Sogama cos novos prezos ou ben botarse fóra “cando saben perfectamente que no norte de Galicia, de momento, non temos máis alternativas.”

17 de xullo de 2015 | 18:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.