O pleno de San Sadurniño aproba apoiar ao sector leiteiro e as súas mobilizacións

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSan Sadurniño
A-
A+

O primeiro pleno ordinario do mandato corporativo celebrouse este sábado e, a pesar de constar tan só con tres puntos, foi unha sesión intensa en canto a contidos e debate, mesmo na quenda de intervencións do público. Entre os acordos adoptados cabe reseñar o de que o Concello continúe sendo punto de entrada de documentos e solicitudes dirixidos a outras administracións, así como instar á Xunta e o Estado para que tomen medidas que garantan tanto a recollida do leite nas explotacións como un prezo xusto para a súa produción.

Como é habitual, a sesión comezou coa aprobación da acta do anterior pleno para despois meterse en materia. Na orde do día incluiuse o acordo de volver suscribir coa Xunta a participación municipal no convenio marco asinado entre o organismo autonómico e o goberno estatal referido á creación dunha rede de oficinas de atención á cidadanía. Máis que crear, o que se vai facer é renovar o convenio que recolle tres modelos de oficinas de atención: as de contacto -coma a de San Sadurniño-, que funcionan só como rexistro e punto de entrada de documentos dirixidos a outras administracións; as de información, que asesoran sobre como facer determinados trámites e, por último, as de xestión, que ademais de ter todas as competencias anteriores, tamén tramitan expedientes dentro dun catálogo normalizado de procedementos comúns.

A proposta contou co apoio unánime de todos os grupos da oposición sen que sequera houbese intervención por parte dos portavoces. Onde si as houbo foi nos dous últimos apartados do pleno, centrados nas mocións, rogos e preguntas. No prazo ordinario non se presentou ningunha moción. Porén, o BNG trouxo ao pleno unha pola vía da urxencia sobre a negativa dalgunhas industrias leiteiras a recollerlles a produción a varias granxas galegas. A moción, defendida polo portavoz do grupo, Suso Soto, contou co apoio dos tres grupos tanto na cuestión de aceptar o seu debate plenario como no seu contido.

Soto explicou que a raíz do problema está na supresión do sistema de cotas no mes de abril que, en teoría, permitiría que as granxas producisen o que quixesen nun mercado libre. Porén, segundo o portavoz “estamos vendo que quen establece os topes produtivos están sendo as industrias. Unha situación que cremos que non é normal nun mercado deficitario e sendo Galicia a primeira produtora no país e a 9ª de Europa”. O portavoz nacionalista criticou que aquí “se estean incumprindo contratos con prezos que só dan para cubrir o investimento das granxas mentres noutras zonas, como en Andalucía, se está instando a que se incremente a produción e con prezos máis altos”. Soto definiu a situación como unha “lei da selva” onde as industrias “se impoñen” sobre as administracións que, ao seu xuízo, deberían “pararlles os pés” e velar polo equilibrio do mercado “poñendo orde nesta situación” cos instrumentos que ten ao seu alcance. 

O portavoz do PP, Manuel Romero, expresou o apoio do seu grupo á moción sinalando que o sector “sempre estivo maltratado, e agora aínda máis. Aos produtores esíxesenos un nivel de materia graxa que para conseguilo hai que traer de fóra alimentos, o que supón incrementar os custes. Producimos o 80% do que se produce en España cando temos o 25% da poboación, polo que nolo pagan a menos porque hai que levalo [fóra]… entón témolo todo ao revés. Polo que temos que unirnos todos”.

O concelleiro do PSOE, Eduardo Lourido, tamén votou a favor porque o sector leiteiro “foi desde sempre un sector clave” e porque, segundo Lourido, cómpre “darlle un empuxe á xente que vive desto para que se dean solucións con respecto a este tema”.

O contido da moción inclúe cinco grandes acordos plenarios. O primeiro é o compromiso do Concello de San Sadurniño “coa defensa do sector lácteo, co dereito a producir das gandeirías e coa garantía de prezos xustos en orixe” poñéndose para iso “do lado do sector produtor e asumindo as súas demandas”. O segundo acordo é o de instar aos gobernos de Galicia e do Estado para que utilicen “todos os mecanismos dos que dispoñan” de cara a garantir a recollida por parte das industrias e dos primeiros compradores. A moción incluiu no seu terceiro punto a instancia ao Goberno Galego para que se garanta un prezo en orixe “xusto e que cubra os gastos”. Para iso o pleno propón crear un instrumento que agrupe a todas as partes no que a administración actúe como “mediadora e catalizadora de acordos e velando polo seu cumprimento”. Tamén se piden garantías para a recollida da produción e a definición dos criterios e indicadores sobre os que debe construírse a cadea de valor do leite e, por tanto, o prezo, que e en ningún caso “poderá ser inferior ao de produción”. Neste apartado tamén se reclama a modificación do RD 125/2015 para que existan “mecanismos que garantan a posibilidade real de negociación entre produción e industria das condicións contractuais”. A moción urxe ao Goberno Galego e ao Estado a que “realicen inspeccións no ámbito das súas competencias”, para evitar que as grandes áreas de distribución vendan leite por debaixo do prezo de produción e que o utilicen como reclamo vendéndoo a perdas. Por último, a moción asumida por BNG, PP e PSOE recolle o compromiso de apoiar as mobilizacións que se convoquen En defensa do sector lácteo galego”.

Preguntas e intervencións do público

Ata o punto da moción sobre o leite o pleno levaba arredor de 12 minutos de debate sobre un total da sesión que, finalmente, duraría algo máis de tres cuartos de hora. E é que a maior densidade das intervencións deuse no apartado de preguntas e tamén nas intervencións do público. Quen abriu o apartado foi Eduardo Lourido para interesarse polo programa europeo “Enhancing Competences to Meet Young,s NEETs Needs” no que participará San Sadurniño nos próximos dous anos xunto con poboacións de Italia, Polonia e Grecia. 

Lourido preguntou sobre “as repercusións e os gastos que pode traer” para o Concello formar parte desta iniciativa. Cuestións ás que Secundino García respostou explicando que esa participación “non ten ningún gasto xa que hai unha subvención de 45.000 euros” e aclarando que San Sadurniño -único concello do Estado Español participante- “vai recibir máis cartos dos que vai gastar”, posto que nesa axuda da Unión Europea tamén se poden incluír parte dos custes salariais do persoal de Orientación Laboral e de Desenvolvemento Local. O alcalde dixo que o ECMYNN “é un programa de diagnóstico da problemática [da xente nova que nin estuda nin traballa] co que despois poñer propostas enriba da mesa”. Pola súa banda, Eduardo Lourido puntualizou que a pregunta buscaba que o goberno explicase no pleno o contido do programa que o edil socialista cualificou como “interesante”.

As preguntas do PP foron dúas. A primeira referiuse aos pasos que se deron desde o Concello con respecto ao PXOM e sobre os prazos que ten a empresa redactora para entregar a documentación. Romero Castrillón vinculou a cuestión a factores demográficos “algo fundamental para o desenvolvemento do noso Concello, xa que cada vez somos menos veciños e xeración tras xeración temos que marchar” e asegurou que outros municipios -algúns gobernados polo BNG- “o sacaron adiante” a pesar dos cambios normativos dos últimos anos. Secundino García explicou que están pendentes “cuestións menores” sinaladas pola Xunta nas que a empresa redactora está traballando para incorporalas ao documento que se levará á aprobación inicial. A partir de aí “os prazos son os que hai” e o goberno -previa convocatoria dos portavoces municipais- agarda facer esa aprobación inicial tan pronto como se efectuen os cambios e despois comezar un proceso de exposición polas parroquias que resulte nun documento urbanístico “o máis consensuado posible”. García lembrou que “a inmensa maioría dos concellos de Galicia non ten aprobado o planeamento”, entre outras cousas polos cambios na Lei do solo “que tivo dez desde o 2002, un caso insólito no mundo”.

García pediulle “rigor” ao portavoz do PP e aseguroulle ao respecto do argumento demográfico que, por exemplo, o concello de Cerdido ten o PXOM aprobado “e perde máis poboación que San Sadurniño”. O alcalde asegurou que o despoboamento do rural ten máis factores que o urbanístico e apuntou ao “abandono do sector primario por causa das políticas vidas desde Europa”.”Non podemos facer simplismo -engadiu García- e pensar que o problema demográfico de San Sadurniño e de calquera concello rural galego é porque non ten un planeamento xeral aprobado”. O alcalde recomendoulle ao portavoz do PP a lectura o libro O atraso económico de Galicia de Xosé Manuel Beiras, que xa nos anos 70 alertaba da futura caída demográfica do país. Unha recomendación de lectura que Manuel Romero contestou con “non teño moito tempo”.

O edil popular tamén se interesou polos custes dos desbroces das pistas municipais, incluído o da contratación dunha empresa que dá apoio ao equipo municipal durante o verán. O PP suxeriu que o programa se faga durante todo o ano “para agora traballar máis a gusto”. O alcalde respostou que existe un plan de desbroces “bastante aceptable para un concello de 100 quilómetros cadrados” e asegurando que rozar durante o inverno é pouco eficiente por causa do rebrote vexetativo e que, polo tanto, sería “derrochar os cartos”. “O desbroce eficiente é a partir de agora”, de aí que o traballo municipal se centre precisamente nesta época. A este respecto o edil de Facenda, Suso Soto, engadiu que o plan de desbroces se reforzou cunha empresa que cobrará “200 euros ive incluído”, contratada despois de pedir catro ofertas.

Ruídos na casa de turismo rural e Santa Sabela

Tras contestar a esta pregunta plantexada polo grupo municipal do PP, o alcalde deulle a palabra ao público para que expuxese calquera cuestión que considerase oportuna. En primeiro lugar interviu un veciño do Outeiro que vive preto da casa de turismo rural para preguntar se o Concello fixera algo con respecto aos ruídos que, segundo asegurou, se producen na casa de turismo rural situada na zona. Unha cuestión que, tal e como trascendeu durante a intervención, estaría xa xudicializada por parte do propio veciño afectado pero que tería dificil determinación ou sería “case imposible” de demostrar posto que o problema só se detectou en momentos nos que a casa está alugada a grupos e que, aínda así, estes ruídos non sempre se producen. En calquera caso, Secundino García finalizou o debate explicando que as futuras actuacións municipais “terá que determinalas un xuíz” posto que o Concello “non pode actuar por se acaso” e lembrou que a casa conta coa autorización de apertura desde hai máis dunha década e que o veciño presuntamente afectado tería dado daquela o seu consentimento para esa apertura. 

Rematada a intervención, o veciño do Outeiro volveu tomar a palabra para queixarse de que a web municipal se referise ás festas en galego empregando Santa Sabela en vez da denominación en castelán de Santa Isabel. “Sabela nunca existiu e hai que pedirlle perdón ao pobo, porque o pobo non está contento, que quede ben claro. Eu tamén podería poñer “Templo Feito” en vez de Igrexafeita”, argumentou o veciño sen achegar, iso si, proba algunha do alcance obxectivo dese hipotético descontento. Secundino García aseguroulle ao veciño que “Sabelas existen, porque aquí hai unha”, mentres sinalaba á nova concelleira de cultura Sabela Íñiguez. Nese momento o veciño retrucoulle ao alcalde cunha afirmación que se podería tomar como unha contradición co argumento empregado nun principio: “existe o nome de Sabela, porque é Isabel, pero a festa foi sempre Santa Isabel”. Sobre o asunto tamén se pronunciou o responsable de elaborar os contidos da web, que se encontraba tomando notas da sesión. Solicitou a palabra para indicar que á hora de facer a información “non inventara nada” e que o nome de Santa Sabela aparece recollido no Diario Oficial de Galicia para referirse á festividade local de San Sadurniño. 

6 de xullo de 2015 | 19:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.