Localizan en San Sadurniño catro niños de avespa asiática en menos de quince días

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

Primeiro foi no lugar de Entrambosrríos, en Lamas. Poucos días despois no de Solposto, en Igrexafeita. E hoxe mesmo volveu saltar a alerta por avespas asiáticas no Camiño Arriba e en Bardaos. Trátase de niños primarios na súa última fase de desenvolvemento, xa que nas próximas semanas as colonias abandonarán estes lugares de cría para trasladárense a un novo emprazamento e iniciar o periodo de maior actividade predadora das abellas. Que se saiba, polo momento o único xeito efectivo de loitar contra esta praga é eliminar os niños. Algo que deben facer mans expertas e sempre dando parte antes ao 012.

Cando falamos de mans expertas referímonos a persoas relacionadas coa apicultura que saiban perfectamente a que se enfrontan, como por exemplo socios e socias da AGA que lle están plantando cara ás velutinas pola súa conta. Cun aguillón de seis milímetros e un tamaño considerable, achegarse ou encirrar unha pequena colonia de avespas asiáticas non é algo que se deba tomar a broma. Hai tan só unha semana dúas persoas recibiron picadas en Solposto -Igrexafeita- por andar rozando preto dun niño oculto nun ribazo, e iso que nin sequera lle arrentaron coa ferramenta. 

Os abelleiros e abelleiras que fan este traballo adoitan protexer ben o corpo e a vista e retiran os niños á noite, cando hai garantías de que toda a colonia está dentro e que, polo tanto, non vai haber risco de que parte dela quede fóra e volva rexenerarse nun ou en varios puntos. E é que, segundo aseguran as persoas que saben disto, as velutinas desafiuzadas poden criar novos grupos a unha velocidade pasmosa. Acabar cun niño a plena luz do día significa axudar a diseminar o problema porque, case con total seguridade, ao pouco tempo teremos tres, catro, cinco ou máis colonias das que preocuparnos.

Os temores que se tiñan hai xa case dous anos parece que se están confirmando en canto ao esparexemento desta especie invasora. No mes de marzo empezaron a capturarse exemplares con trampas colocadas, principalmente, en Naraío e Igrexafeita. A finais da primavera comezaron a aparecer -en Naraío e Igrexafeita, que se saiba- pequenos niños primarios difíciles de localizar por ter un tamaño semellante ao dunha noz. Agora, entrado xa o verán, os niños son bos de ver a pouco que nos fixemos. Os máis pequenos teñen o tamaño aproximado de dúas mans pechadas. Os máis evolucionados son case coma un balón de fútbol sala ou de volei. Hai quince días descubriuse un nunha cabana en Entrambosrríos -Lamas-, que foi retirado por un apicultor. A semana pasada sóubose polas bravas do de Solposto e hoxe mesmo deuse aviso doutros dous, un situado nun voladizo dunha vivenda abandonada no Camiño Arriba e outro nun valado de salgueiros xusto nas entremedias da Bañoca e A Sanguiñeira, en Bardaos.

¿Que facer se atopamos un niño de velutina?. O primeiro que debemos facer é asegurarnos de que efectivamente son avespas asiáticas. Insistimos: entre 2 e 3 centímetros, corpo practicamente negro cunha banda amarela-alaranxada máis ancha no final do abdome -preto de onde ten o aguillón- e patas metade negras, metade amarelas son datos máis que suficientes para identificalas. Despois de ter a certeza de que se trata de vespa velutina nigrithorax hai que chamar ao 012, o teléfono habilitado pola Xunta para dar aviso. Desde alí derivarannos ao servizo que xestiona a praga, que aínda nos ha volver preguntar para ter total seguridade de que é un caso de velutina. 

Cando se dá unha alerta deste tipo non é habitual que se concrete o prazo exacto en que virán retirar o niño. A experiencia nesta zona indica que o tempo de resposta anda entre un e dous días cando os niños aparecen preto de vivendas e que a agarda pode ser maior se se detectan en zonas despoboadas. 

Como queira que sexa, é importante andar cos ollos ben abertos, especialmente naquelas zonas onde se capturaron exemplares este ano ou onde se detectaron velutinas en 2014. Atopar os niños e eliminalos como é debido é, hoxe por hoxe, o único método efectivo para limitar no posible o avance dunha praga que parece imparable.

8 de xullo de 2015 | 20:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.