Aumenta o valor patrimonial do Convento de San Francisco cos novos achados
Os restos do antigo convento de San Francisco constitúen un dos espazos con maior carga histórica de toda A Coruña. No último ano téñense realizado numerosas actuacións que dan conta do seu altisimo valor patrimonial. Ademais, estas permiten arroxar novos datos sobre o que existía nese espazo antes do edificio relixioso e, polo tanto, axudar a dar unha imaxe máis nítida da evolución da cidade ao longo da historia.
Logo dunha campaña de sondaxes realizada en 2013 para confirmar a conservación do pavimento de cantos rodados documentado no ano 97, “durante o ano pasado realizouse a escavación en área do pavimento e a súa consolidación co obxectivo de evitar o proceso de degradación”, explican os técnicos municipais.
Durante este xullo, un equipo de tres restauradores e cinco arqueólogos traballou na restauración do pavimento de cantos rodados do deambulatorio do claustro do convento. O obxectivo é permitir deixalo á vista, coa fin de que lle permita ao usuario entender mellor que muros se corresponden coa igrexa e cales pertencen ao convento.
Por outro lado, para facilitar o percorrido polo xacemento vaise executar un pavimento de xabre que, ademais de definir o itinerario polo mesmo, creará un elemento físico que separará o xacemento do parque.
Ademais, dous técnicos están a elaborar o contido de módulos explicativos que se instalarán no perímetro da ruína. A instalación farase efectiva unha vez pase todos os trámites esixidos pola lexislación actual en materia de Patrimonio Cultural.
Outra das actuacións levadas a cabo este ano foi a realización dunha sondaxe por debaixo da capela do S . XVI , pegada ao brazo norte do cruceiro da igrexa, coa fin de atopar os restos relacionados cos muros máis antigos do convento e tentar resolver cal foi a evolución do edificio. Os técnicos sostiñan que con esta actuación poderíanse resolver moitas dúbidas acerca de como foi o proceso de renacemento da cidade en 1208, ademais de dar pistas importantes sobre que existía nesa zona antes do convento.
O resultado da sondaxe foi, segundo os informes arqueolóxicos, “moi positiva” e permite afirmar que “o xacemento ten moito máis potencial do que se estimaba”.
Así, lográronse documentar dúas fases anteriores á construción do brazo norte da igrexa. Na primeira das fases apareceron tres tumbas escavadas en fosa e outro conxunto de ósos movidos do seu espazo orixinal. “O interesante destas tumbas é a súa orientación NorteSur, o que podería indicar que están orientadas ao altar, e o feito de que un dos esqueletos estea cortado pola gabia de cimentación do brazo norte da igrexa. Isto indica que a necrópole é anterior á Igrexa”, o que fai adiviñar a existencia dun edificio anterior á igrexa nestes momentos visible. A segunda fase do estudio está confirmada pola existencia dun muro de 1,5 metros anterior ás tumbas.
En conxunto, e segundo a opinión dos técnicos, “a sondaxe permite aumentar as incógnitas sobre a evolución deste espazo da cidade e, ademais, aumenta o valor patrimonial dun dos poucos xacementos que permiten unha escavación en extensión, ao atoparse nun espazo de titularidade pública sen construír moi preto da Cidade Vella”.











