Últimas horas para inscribirse en San Sadurniño no primeiro “Venres en Sansa!”
Vídeo, cine, orientación, ciclismo, sendeirismo, zumba, kickboxing, bádminton, educación canina, cociña. Todo pola noite e todo durante os tres primeiros venres do mes de xuño. Estas son as actividades que recolle o programa municipal de lecer alternativo “Venres en Sansa!” dirixido principalmente á xente nova de entre 12 e 35 anos. Unha proposta distinta saída dunha enquisa realizada en abril sobre as preferencias da xuventude en canto a como ocupar o seu tempo libre. Se iniciativa ten éxito o Concello pretende convertela nunha oferta estable ao longo do ano.
“Venres en Sansa!” arranca este venres 5 de xuño con tres obradoiros: un entre as 21 e as 23 horas sobre creación e edición de vídeos impartido na Aula CeMiT con 10 prazas dispoñibles, outro de zumba con 25 prazas no pavillón do colexio co mesmo horario, unha actividade de orientación nocturna entre as 23.15 e a 1 da mañá -40 prazas- e, simultaneamente, un obradoiro de cociña que ofrece 15 prazas.
Todos os obradoiros e actividades precisan unha inscrición previa. Haberá que cubrir o modelo dispoñible na web municipal e entregalo na Casa da Cultura, como moi tarde, o mércores anterior ao día en que se vaian celebrar as actividades, que son gratuítas. Iso si, debemos ter en conta que moitas delas se desenvolverán ao mesmo tempo, polo que cómpre repasar antes o programa para ver cales son as que máis nos interesan. Tamén é importante mirar con detemento se debemos levar algo, como roupa recomendable, linternas, bicicleta ou o mandil.
“Venres en Sansa!” enmárcase no programa municipal de xuventude e algunhas actividades van dirixidas só a mozos e mozas de entre 12 e 35 anos, mentres que outras non terán límite de idade, como é o caso da orientación nocturna. Terán prioridade persoas empadroadas no concello e as prazas dispoñibles en cada actividade irán cubríndose por orde de inscrición. Malia isto, de non chegar ao cupo previsto, tamén poderán participar persoas doutros municipios.
O seguintes encontros serán os venres 12 e 19, cun programa que inclúe cine, kickboxing, ciclismo, cociña, educación canina, bádminton e sendeirismo nocturno.


 Enviar a un amigo
 Enviar a un amigo Opinar
 Opinar Imprimir
 Imprimir









