“Tempos para compartir” pecha temporada en Santa Mariña este sábado

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

O local social de Santa Mariña do Monte acollerá este sábado a partir das 17.00h. a última sesión desta temporada do programa “Tempos para compartir”. Aprenderemos a elaborar cabelo de anxo grazas ás explicacións de Montserrat Fernández, que mostrará todo o proceso e ofrecerá suxerencias de sobremesas que se poden facer con estadelicatessen. O prazo de inscrición na actividade remata este xoves. Abonda con chamar ao 981 490 027 (ext. 1), ou pasar polo Concello.

“Tempos…” voltará no mes de outubro con novas propostas de obradoiros. Este programa municipal busca fomentar a relación veciñal no territorio a través do intercambio de saberes e experiencias. Os obradoiros van alternando as parroquias case sempre os primeiros sábados de mes con temas de todo tipo: cociña, artesanía, habilidades… 

Calquera pode converterse en docente por unha tarde daquelas cousas que saiba facer e queira compartir cos demais. Só se pon como condición que o obradoiro poida condensarse en arredor de dúas horas, que non requira materiais caros e que sexa o máis participativo posible. O Concello anda á procura de propostas coas que encher a partir de outubro a programación do “Tempos para compartir”. Xa hai algunhas pensadas, pero aínda fan falla máis. Por iso, quen queira mostrar o que sabe, sexa o que sexa, só ten que chamar ao 981 490 027 (Ext. 1) e propoñerllo ao departamento de Igualdade -que xestiona o proxecto- para ver a súa viabilidade.

Os “Tempos…” que maior aceptación están tendo -quizais porque foron os máis numerosos ata o momento- son os relacionados coa alimentación. Hóuboos de elaboración de cervexa, de marmelos, de conservas, de madalenas, etc. E este sábado en Santa Mariña do Monte teremos outro no que aprenderemos a facer cabelo de anxo, o doce preparado a partir da polpa da cabaza confeiteira, á que aquí lle chamamos “melón”. 

Para este obradoiro ofrécense 20 prazas que se cubrirán por orde de inscrición. O prazo para apuntarse finaliza mañá xoves ás 14.00h.

10 de xuño de 2015 | 11:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.