San Sadurniño celebrará o venres o pleno de organización do Concello

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

11 puntos compoñen a orde do día da sesión extraordinaria do pleno convocada para a tardiña do venres. Un pleno no que se establecerá o funcionamento dos distintos órganos municipais para os próximos catro anos e no que, ademais, se dará conta de como quedan configuradas as áreas de goberno e quen as xestionará. Con respecto ao mandato 2011-2015 haberá variacións na denominación de cada departamento e tamén cambios no tocante aos nomes que encabezarán cada un deles.

Secundino García asinou o luns a resolución da alcaldía coas delegacións de competencias e co nomeamento das tenencias da alcaldía. Así, as tenencias recaerán -por esta orde- en Manolo Varela, Amparo Calvo e Manuel Beceiro. 

No referido ás áreas de goberno marcáronse 7, incluída a da alcaldía, con importantes cambios en canto a como se agrupan as competencias. Neste sentido, Medio ambiente pasa formar concellaría xunto con Servizos; Deportes e Ensino -antes Educación- intégranse con Cultura e a nova área de Mocidade nunha única concellaría; Igualdade -unha das áreas máis activas- queda como concellaría específica mentres que Servizos sociais se asocia con Facenda en canto á súa titulariedade; por último, o funcionamento interno da administración municipal, a participación cidadá e as políticas de desenvolvemento local pertencerán agora á mesma concellaría.

En canto aos nomes responsables de cada área, a cousa queda da seguinte maneira:

-Alcaldía -Secundino García-, con responsabilidades de coordinación, políticas de calidade, patrimonio, estatística, seguridade e protección civil, relacións intitucionais, comunicación e contratación, etnre outras.
-Cultura, Deportes, Ensino e Mocidade, da que se fai cargo Sabela Íñiguez
-Desenvolvemento local, Participación veciñal e Xestión interna, coordinada por Manolo Varela.
-Servizos municipais e Medio Ambiente, da que se responsabilizará Amparo Calvo.
-Facenda e Servizos sociais, da que se fará cargo Suso Soto.
-Igualdade, que continuará xestionada por Ana Belén Breijo.
-Obras municipais e xestión territorial, que terá como titular a Manuel Beceiro.

Concellarías todas elas que, segundo o alcalde, “continuarán traballando coordinadas e con proxectos transversais que impliquen a varios departamentos”. Secundino García argumenta na resolución da configuración do equipo de goberno que se trata “dun reparto de responsabilidades acaído ás necesidades do propio Concello” co que se busca “propiciar o achegamento do goberno á cidadanía”.

Esta configuración porase en coñecemento do pleno deste venres no que, ademais, se dará conta da constitución dos grupos municipais, se decidirá a periodicidade dos plenos -previsiblemente cada 2 meses-, crearanse as comisións informativas permanentes e da mesa de contratación e, tras darlle conta ao pleno das tenencias da alcaldía, tamén se aprobará a composición da Xunta de Goberno Local e as competencias que terá delegadas. Os tres últimos puntos da orde do día referiranse ás adicacións parciais, ao desempeño da Tesouraría municipal e, como colofón da sesión, lévase o acordo de que as convocatorias e notificacións aos membros da corporación se poidan facer por vía telemática.

24 de xuño de 2015 | 13:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.