Ribadumia comeza a tramitar as solicitudes para as fogueiras de San Xoán e San Pedro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRibadumia
A-
A+

O Concello de Ribadumia comeza a tramitar as solicitudes dos usuarios que desexan realizar fogueiras en San Xoán e San Pedro. As persoas interesadas deben cubrir un documento, que poderán recoller na Casa da Cultura de Ribadumia,  e a través do cal asumen a responsabilidade da fogueira. A praza límite para facer a solicitude é ata 16 de xuño para a fogueira de San Xoán e ata o 23 de xuño para a fogueira de San Pedro. A solicitude pode recollerse na Casa da Cultura de martes a venres en horario de 9:00 a 14:00 horas.

Desde o Concello de Ribadumia chaman á responsabilidade dos veciños para que adopten as medidas de seguridade necesarias, cuxas normas de obrigado cumprimento se inclúen na propia solicitude de autorización. Así, o volume do combustible da fogueira non superará os 8 metros de perímetro e os 3 metros de altura; a separación entre as fogueiras e os edificios e as árbores serán como mínimo de doce metros; terase especial coidado de non situalas baixo tendidos eléctricos ou telefónicos; prohibirase a queima de pneumáticos, plásticos, espumas de poliuretanos, aceites …; e ao finalizar a fogueira e antes de abandonar o lugar, os responsables da organización coidarán de que as cinzas queden totalmente apagadas e comprométese a retirar do lugar da celebración todos os restos que queden nun prazo máximo de 48 horas.

Ribadumia é un municipio con grande tradición festiva en San Xoán, celebración na que participan coa creación de numerosas fogueiras en diversos puntos do concello. Por todo iso, dende o Concello pídese a máxima responsabilidade por parte dos veciños na comunicación das mesmas e en cumprir todos os requisitos esixidos. 

2 de xuño de 2015 | 13:28 • Sen comentarios

Comentarios pechados.