Ribadumia acollerá un campo de traballo durante o verán

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRibadumia
A-
A+

O Concello de Ribadumia acollerá no mes de xullo un campo de traballo medioambiental destinado a voluntarios de ámbito nacional e internacional dentro do marco de Acción de Verán organizado pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Consellería de Traballo e Benestar da Xunta de Galicia.

A actividade está destinada a mozos e mozas de calquera nacionalidade con idades comprendidas entre 18 e 30 anos que busquen traballar desinteresadamente os días estipulados para o proxecto, que neste caso serán do 2 ao 11 de xullo en Ribadumia. A actividade conta con 20 prazas e a cota de pagamento é de 90 euros.

O campo de traballo do Salnés combinará actividades ambientais na mañá e deportivas e culturais pola tarde. O traballo ambiental centrarase na Ruta da Pedra e da Auga e os voluntarios serán coordinados por biólogos expertos para analizar o medio, a fauna e a flora e para realizar tarefas de protección e mantemento da ruta e para que sexa máis accesible para o público en xeral. 

Os voluntarios tamén poderán participar durante os nove días de traballo en obradoiros sobre iniciativa empresarial e autoemprego, sendeirismo, ciclismo de montaña, tiro con arco, orientación, dinamización grupal, snorkel, visitas ás praias das Rías Baixas e moitas máis actividades de tempo libre.

Ademais, o proxecto ofrece aos voluntarios que se inscriban un equipo que os acollerá e axudará a levar a cabo o traballo programado e a dinamización do campo, os medios

materiais necesarios para desenvolver as tarefas que lles especifiquen e aloxamento e manutención durante os días de traballo, que neste caso será no Pavillón de Barrantes a partir do xoves 2 de xullo. Todos os inscritos disporán ademais dun seguro que cobre os accidentes que poidan producirse durante as actividades.

Os interesados aínda están a tempo de inscribirse e poden facelo a través do seguinte teléfono: 981545696 en horario de 09:00 a 14:00 horas. 

9 de xuño de 2015 | 19:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.