O equipo de goberno de Ponte Caldelas ilusiona aos comerciantes para recuperar o futuro económico do muncipio

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPonte Caldelas
A-
A+
Reunión cos comerciantes de Ponte Caldelas

Reunión cos comerciantes de Ponte Caldelas

O equipo de Goberno do Concello de Ponte Caldelas, liderado polo seu alcalde, mantivo unha xuntanza sectorial coa práctica totalidade dos propietarios dos establecementos comerciais do concello, que abarrotaron por completo o salón de actos do Centro Cultural, para tentar recuperar o pulo económico a través de varias iniciativas que despertaron o interese dos asistentes.

Andrés Díaz anunciou a edición, a moi curto prazo de tempo, dun folleto publicitario que incluirá, a modo de centro comercial urbán, as principais ofertas dos establecementos incluidos na iniciativa que conta co respaldo da Asociación de Comerciantes e Empresarios de Ponte Caldelas, COEMPO.

Asemade, os membros do equipo de goberno anunciaron a inmediata entrada en funcionamento dunha nova páxina web do Concello que terá unha triple función: a turística, administrativa e comercial.

Esta nova web, cuio avance foi presentada no transcurso da xuntanza, conta cun deseño atractivo, moderno, dinámico e accesible desde tódalas plataformas para que poda ser consultada desde ordenador, smatphones e tablets. Ademais estará interconectada coas redes sociais do Facebook e o Twitter.

Entre as posibilidades que ofrecerá a nova web do Concello será o acceso directo e constante en tódalas pantallas da mesma aos servizos que ofrece os establecementos comerciais e empresas integrados en COEMPO, cun pequeno espazo individualizado e personalizado para cada negocio, linkado coa súa web corporativa ou facebook.

Ademais esta web terá unha atención especial co turismo e a praia de bandeira azul, a actualidade parroquial e veciñal, a área arqueolóxica de Tourón, sendeirismo, turismo verde, etc. 

Outra das posibilidades que ofrecerá esta páxina web será o acceso electrónico desde calquera dispositivo ás instancias do Concello, solicitudes de licenza para apertura de comercio ou realización de obras, favorecendo nun futuro próximo o establecemento dunha xanela electrónica aberta permanentemente entre a administración local e o cidadá. Así, tamén dispón dun apartado, “O alcalde responde”, no que calquera veciño poderá dirixirse persoalmente ao rexedor municipal a través do correo electrónico que o alcalde recibirá directamente no seu móbil para poder atendelas súas demandas dun xeito case que inmediato. 

Finalmente, a nova web servirá de escaparate da actividade municipal e favorecerá o coñecemento municipal do que se gasta no seu Concello e en qué se gasta a través dunha administración transparente, casi on line, para que se poda coñecer os sistemas de contratación, baremos aplicados, ordenanzas aprobadas, licenzas concedidas, actas dos Plenos e Comisións de Goberno, perfil do contratante, etc.

QUEIXAS E SUXESTIÓNS DOS COMERCIANTES

Unha vez feita esta presentación, o alcalde Andrés Díaz deu a palabra aos comerciantes quen agradeceron a iniciativa para fomentar que Ponte Caldelas recupere o seu liderato comercial como punto de referencia non só para este municipio senón para outros cercanos e que forman parte do seu interland como Fornelos, A Lama e parte de Cotobade e Soutomaior.

Os comerciantes aproveitaron a xuntanza para trasladarlle a súa preocupación ao alcalde polos efectos da competencia desleal da venda ambulante, os problemas derivados para os negocios da suba do IBI, a necesidade de revisar taxas e impostos sobre vehículos, a aplicación “abusiva” das tarifas do recibo da auga así como a necesidade de atopar fórmulas que permitan dispor de máis espazos para estacionar, sobre todo, os meses de verán e os días de feira de todo o ano.

O alcalde anuncioulles que se estaba a estudiar a posibilidade de chegar a un acordo con propietarios de fincas que ceden o seu uso durante as festas para poder poñelas, gratuitamente, a disposición dos cidadáns para que tiveran onde aparcar e tamén lles comentou que está en fase de exame a posibilidade de poñer en marcha unha experiencia piloto de Zona Azul en varias rúas do centro da vila a través do reparto gratuito de discos de hora que permitan estacionar nun mesmo lugar a un vehículo por un espazo máximo de dúas horas e media.

Díaz Sobral dixo que se está a estudiar iniciativas similares noutros concellos próximos para aprender da súa experiencia e ver a posibilidade de aplicación práctica que esta solución podería ter para favorecer o estacionamento daquelas personas que veñan a Ponte Caldelas a realiza-las súas compras no comercio local.

FESTAS, TANATORIO, BALNEARIO E SENDEIRO AZUL

Para rematar a xuntanza, o alcalde respondeu a diversas cuestións que preocupan aos comerciantes como a reapertura do tanatorio, a posibilidade de construir o balneario e a celebración das festas.

En canto á reapertura do tanatorio, Díaz informou que xa falara cos reponsables do centro mortuorio e que hai posibilidades de mediación no conflicto que manteñen dúas empresas propietarias do establecemento. De feito sinalou que espera a visita, nos próximos días, do xerente dunha delas, que ven de Madrid para tratar, entre outras cuestións, esta relacionada co tanatorio.

O alcalde tamén informou de que se está a traballar cun empresario interesado en abrir un novo tanatorio na posibilidade de ver unha ubicación céntrica e axilizar, no caso de ser necesario, os trámites para que poda poñer en marcha esta instalación mortuoria o máis rápidamente posible. 

No que respecta ao suposto interese de Termas de Cuntis polos terreos do antigo balneario, Díaz Sobral confirmou que falara coa familia que xestiona esta institución quen lle indicou o seu desexo de avanzar nesa posibilidade para o cal o equipo de goberno manterá unha entrevista persoal cos seus responsables deste centro termal para posibilitar ao máximo que se concrete ese interese.

De tódolos xeitos, Andrés Díaz, manifestoulle aos comerciantes que un dos obxectivos prioritarios do equipo de goberno é a posta en marcha dun novo balneario, sexa na ubicación tradicional xunto ao río ou noutra localización que poda ser de interese para unha iniciativa empresarial destas características que tanto ben representaría para o futuro de Ponte Caldelas. Tamén neste sentido dixo que o feito de ter unha Bandeira Azul axuda moito como polo atractivo para este investimento e sinalou que creará un Sendeiro Azul tendo como punto de partida o paseo fluvial desde o antigo balneario, a praia fluvial e os Pasos da Fraga.

Para rematar os comerciantes amosaron a súa preocupación pola celebracións das festas dos Dolores e a Batalla. O alcalde confirmoulles que se fará un esforzo imaxinativo e de xestión para poder celebrar dignamente estas actividades, pero tamén confirmou que as arcas municipais neste apartado sufriran un menoscabo importante por parte do goberno municipal saínte que esgotou parte do orzamento adicado a estos temas.

Tamén anunciou que a Festa da Batalla cambiaría de data para non coincidir co mes de agosto e as Festas dos Dolores co fin de que os consumidores teñan maiores posibilidades de disfrute e gasto nun mes distinto. “O bolsillo dos nosos veciños non da para dúas festas grandes cunha semana de diferencia polo que cremos que se deben celebrar en dous meses distintos”, indicou Andrés Díaz.

 

A data máis problable para a celebración da Festa da Batalla será a do fin de semana do 26 e 27 de setembro debido tamén á necesidade de atopar unha ubicación no calendario que non coincida con ningunha outra festa ou celebración no concello ou nas súas inmediacións para favorecer unha maior afluencia de público a Ponte Caldelas.

25 de xuño de 2015 | 18:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.