Máis dun centenar de postos inscritos no mercado local de San Sadurniño deste domingo
O primeiro mercado local do verán celebrarase este domingo nos xardíns municipais cun cento de postos entre os que venderán produtos alimentarios, artesanía e artigos de segunda man. Meteogalicia anuncia bo tempo, entendendo como tal que non vai chover e que haberá unha temperatura moi agradable que anime a afluencia de público a unha cita que xa está consolidada no calendario comarcal de feiras. Ademais, o Concello ofrece dúas actividades paralelas para a xornada. A primeira é unha ruta de sendeirismo polo río Aceiteiro que partirá da Casa da Cultura ás 10 da mañá e a segunda é o concerto con petiscos e vermú de Talabarte dentro da Casa do Concello. Un evento este último para o que aínda se poden reservar entradas -12 euros- chamando ao 981 582 836 ou mandando un correo a info@culturactiva.org. Dúas persoas poderán asistir de balde a este concerto de música e cociña. Só teñen que unirse ao evento publicado no Facebook do Concello e compartilo para entrar no sorteo de dúas entradas. O resultado, mañá venres ás 14.00h. tamén no Facebook.
O Concello publicou esta mañá o listado con todos os postos admitidos para o mercado. Son 101 distribuídos do seguinte xeito: 2 son viveiros, 19 dedícanse á produción ou comercialización de alimentos frescos ou transformados, 44 acoden ao mercado con artesanía, 11 con artesanía e artigos de segunda man e os 25 restantes levarán aos xardíns municipais exclusivamente artigos de ocasión.
O listado recolle o número de inscrición e tamén os horarios de entrada no recinto, posto que cumprirá acomodar un cento de expositores entre as 7.30 e as 9.30h. para que o mercado poida estar en plena actividade a partir das 10 da mañá.
O obxectivo deste mercado é contribuír a dinamizar a economía da comarca dándolle saída a todo tipo de excedentes, pero tamén atraer visitantes que animen durante a xornada os negocios hostaleiros e, por extensión, tamén o turismo. Facer que o impacto do encontro trascenda o dunha feira convencional foi o que levou nesta ocasión ao Concello a organizar dúas actividades complementarias que diversifiquen a oferta de lecer. Así, ás 10 da mañá comezará diante da Casa da Cultura unha ruta a pé -arredor de 2 horas- con destino aos muíños do Aceiteiro na que poderá participar calquera persoa interesada en coñecer un dos percorridos máis fermosos do municipio, caracterizado pola súa riqueza natural e tamén cultural. Non é necesaria inscrición, abonda con estar á hora no lugar sinalado.
Para o que si fai falla apuntarse antes é para o concerto que ofrecerá o Talabarte dentro da Casa do Concello. Trátase dunha proposta novidosa que xunta o estilo musical deste trío coas habelencias culinarias do cociñeiro Xián Herrera, que preparará ao vivo riquísimos petiscos elaborados con produtos galegos de calidade. Hai 70 prazas dispoñibles que están a piques de completarse e quen se apunte poderá gozar por 12 euros tanto da música como dos pinchos acompañados do vermú galego Nordesía. Podemos anotarnos chamando ao 981 582 836 ou a través do correo electrónico info@culturactiva.org, anque tamén hai a posibilidade de entrar gratis interactuando co evento do concerto creado no Facebook do Concello de San Sadurniño. Este venres ás 14.00h. sortearanse dunha tacada dúas entradas coas que poderá facerse calquera persoa que se una ao evento, que o comparta ou que lle dea darlle ao gústame -mellor todo-.


 Enviar a un amigo
 Enviar a un amigo Opinar
 Opinar Imprimir
 Imprimir









