Festa fin de curso da Escola Infantil Municipal de San Sadurniño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+
Clausura do curso

Clausura do curso

Os nenos nenas da EIM de San Sadurniño celebraron esta mañá a súa festa de fin de curso con música e baile para os papás e mamás. Para a cativería da unidades de cero a dous anos será só un punto e seguido, mentres que para o alumnado da unidade de dous a tres foi, en efecto, unha despedida, xa que en setembro comezarán xa a escola “no cole de maiores”, como dicía algún esta mañá. A clausura do curso coincide, ademais, co anuncio do nome oficial do centro, que a partir de agora se denominará Escola Infantil Municipal “A Rolada”, en referenza ao proxecto socioeducativo impulsado nos anos vinte desde Madrid polo intelectual Ramón Cabanillas.

Inicialmente o Concello convocara entre as familias usuarias un concurso para bautizar a escola. A el presentáronse sete propostas que foron valoradas o pasado venres polo xurado que, finalmente, estimou por unanimidade deixalo deserto. Nos últimos días o Concello barallou varias denominacións alternativas coa colaboración dos membros do xurado e, finalmente, elixiuse a de Escola Infantil Municipal “A Rolada”, co significado de conxunto de crianzas recén nacidas pero, ademais, cunha pouco coñecida connotación histórica. 

Ramón Cabanillas tentou a comezos dos anos vinte do século pasado renovar o sistema pedagóxico en Galicia impulsando un modelo alternativo ao oficial fundamentado na lingua, no coñecemento da cultura do país e na educación en valores coma o respecto, a boa conduta, a honradeza e o amor polo saber. Este proxecto socioeducativo que nunca chegaría a callar denominouse “As Roladas” e veu acompañado dunha publicación mensual co mesmo nome que só vería a luz en dúas ocasións. Cabanillas era o principal valedor de ambas iniciativas, axudado no caso da revista por potentados da época e intelectuais de renome de toda condición política, como o marqués de Figueroa, o exministro Leonardo Rodríguez, Wenceslao Fernández Flórez, Vicente Risco, Castelao, Portela Valladares, o arquitecto Antonio Palacios, Antón Villar Ponte e outros.

De aí que “A Rolada”, tal e como indicou o alcalde, Secundino, “se considere como un nome axeitado para un centro de nova creación que, en esencia, coincide e tenta recuperar boa parte dos principios daquel proxecto pioneiro”.

Quen estrearon o nome da escola foron os nenos e nenas que en breve deixarán o centro. E é que esta mañá se lles entregou a todos e todas un diploma de graduación como recordo do seu paso por alí e por ser a primeira promoción da EIM “A Rolada”, tal e como figuraba no título.

Foi un acto breve no que participaron todas as unidades -20 nenos e nenas- actuando ao son de música infantil ata chegar ao momento máis solemne da mañá en que os “graduandos” foron recibindo de mans do alcalde, da concelleira de Igualdade e dunha das mestras as súas acreditacións. Choros nuns casos, incertidume e sorpresa noutros e, en resume, ambiente de ilusión entre flashes para despedir a primeira promoción dunha escola infantil municipal recén estreada.

26 de xuño de 2015 | 18:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.