Cuberta a totalidade das prazas para xullo na Aldea de Verán de San Sadurniño
O programa socieducativo Aldea de Verán que se desenvolverá durante as vacacións escolares en dúas quendas ten completas as prazas correspondentes ao mes de xullo. Presentáronse un total de 60 solicitudes para 35 prazas que se foron asignando provisionalmente por orde de inscrición para facer logo unha escolma daquelas pertencentes a persoas empadroadas en San Sadurniño, que son as que teñen prioridade.
A Aldea de verán é un programa municipal cofinanciado pola Deputación da Coruña que busca facilitar a conciliación da vida persoal, laboral e familiar por medio actividades educativas e de lecer dirixidas a nenos e nenas de entre 3 e 12 anos.
Desenvolverase de luns a venres durante os meses de xullo e agosto cun horario dividido en dúas quendas: unha de 8 a 10 e outra de 10 a 14 horas. Na primeira quenda haberá un monitor ou monitora e na segunda incorporaranse ao servizo outras dúas persoas, que se encargarán da organización dos xogos e outras actividades de lecer e aprendizaxe.
En función do horario de entrada na actividade e do número de membros dunha mesma familia que se queiran inscribir, os prezos son os seguintes:
-Horario de 8 a 10 horas: 90 euros por un membro da unidade familiar, 60 polo segundo e 30 polo terceiro.
-Horario de 10 a 14 horas: 60 euros polo primeiro membro da unidade familiar, 40 polo segundo e 30 polo terceiro.
Segundo as bases, as matrículas poden formalizarse en dous prazos. Para o primeiro -o de xullo- deberase facer a matrícula este venres 19 de xuño como moi tarde. Quen teña confirmada a praza poderá pagar tanto xullo como, de ser o caso, tamén agosto. Para xullo non quedan prazas, que se cubriron por completo con nenos e nenas de familias empadroadas no concello. Porén, para agosto de momento hai algunhas vacantes (xa se confirmaron 19 inscricións de familias que colleron dous meses).
Con todo para o segundo mes do verán abrirá un prazo de solicitude específico entre o 1 e o 17 de xullo. O sistema de asignación das prazas será o mesmo: prioridade para familias empadroadas, seguidas daquelas con algunha relación laboral demostrable no territorio e, por último -só se quedase algunha praza libre-poderían acceder ao programa persoas doutros concellos.


 Enviar a un amigo
 Enviar a un amigo Opinar
 Opinar Imprimir
 Imprimir









