Comezan as precatas da XLIII Festa do Viño Tinto do Salnés
O Concello de Ribadumia prepárase un ano máis para a XLIII Festa do Viño Tinto do Salnés. Esta nova edición arrincará o venres coa inauguración e a apertura dos stands de viño para as 13.00 horas. Na avenida Bouza Martín instalarase unha carpa na que nove colleiteiros venderán o seu viño e o prezo será o mesmo que o ano pasado, 4 euros a botella e 3 euro a cunca de viño.
A apertura oficial non será ata as 19:00 horas e contará coa actuación da banda de gaitas Penaguda de Meaño e un pasarrúas a cargo da mesma. Xa pola noite, a Carballeira de Barrantes acollerá o concerto a cargo de Milladoiro –a partir das 23:30 horas, e a orquestra Televisión, os dous con entrada gratuíta. Para completar a oferta musical, a orquestra Pontevedra actuará antes dos concertos na avenida Bouza Martín.
Precatas finais
Por outro lado, a Comisión de Catas celebrará entre hoxe e mañá as Precatas Finais do viño tinto de Barrantes, ó que se presentaron 55 viños e dos que quedan 33. O Centro Social de Barrantes acolle hoxe a cata de 17 viños e mañá de 16, dos cales non se decidirá o gañador ata o sábado 6 de xuño nas Catas finais antes do xantar de confraternidade.
Pola súa parte, as catas de viño autóctono celebraranse tamén o sábado 6 de xuño con 14 viños que serán analizados polo Consello Regulador.
Finalmente os premios ós mellores Tintos entregaranse o sábado ás 17:00 horas no Pavillón de Barrantes, despois do xantar de confraternidade.











