Apertura da Oficina de Turismo de Ribadumia para o período estival

Oficina de turismo de Ribadumia
Coma cada ano, o Servizo de Turismo Rías Baixas da Deputación de Pontevedra destina ó Concello de Ribadumia un informador turístico para atender o punto de atención ó visitante do municipio. A Oficina de Información e Turística de Ribadumia atópase na rotonda dos Castaños e estará aberta os catro meses de período estival –dende o 17 de xuño ata o 14 de outubro de 2015- en horario de luns a venres de 11:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 21:00 horas e sábado e domingo de 11:00 a 14:00 horas.
Un ano máis, o Servizo de Turismo Rías Baixas da Deputación de Pontevedra encargouse de seleccionar ó informador turístico que a partir de hoxe comezará a atender ós visitantes que se acheguen ata Ribadumia para coñecer en profundidade o corazón do Salnés.
Os interesados poderán recibir información sobre todos os recursos turísticos do municipio, desde as rutas de sendeirismo, o patrimonio etnográfico, os paseos fluviais, o xacemento do Monte do Castro, o río, as festas e a coñecida Ruta da Pedra e da Auga, entre outros.
Ademais, o informador tamén organizará visitas guiadas gratuítas para grupos polas principais rutas e puntos turísticos de Ribadumia e aportará toda a información necesaria –bares, restaurantes, hostais…- que os visitantes necesitan para pasar unha boa estancia nas terras do tinto pelexón.











