Ábrese o prazo de inscrición para a piscina municipal de Ribadumia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRibadumia
A-
A+

Coa chegada do período estival e co obxectivo de ofrecer un lugar de ocio e de recreo ós veciños, o Concello de Ribadumia abre un ano máis a piscina municipal situada no entorno de Cabanelas.

A inscrición xa estará dispoñible a partir de mañá no Concello de Ribadumia. Os interesados que xa estaban inscritos o ano pasado non teñen que entregar máis documentación que o carné do verán pasado para que volva a ser selado polo Concello. Os novos inscritos teñen que entregar unha fotocopia do DNI, fotocopia da tarxeta sanitaria e 2 fotos tamaño carné. 

Os prezos non varían en relación a veráns pasados. Para os veciños de Ribadumia con carné supón 1€ a tempada completa – tanto nenos como adultos-. Os veciños sen carné pagarán 1€ ó día os menores de 9 anos, e 3€ ó día o resto.

Por outro lado, os interesados que non están empadroados en Ribadumia e queren facer o carné abonarán 30€ ó mes -menores de 9 anos- e 50€ ó mes o resto. Os prezos por día son iguais para empadroados e sen empadroar. 

Cada verán o entorno de Cabanelas convértese no lugar escollido polas familias para pasar o tempo libre, xa que combina as instalacións coa beleza paisaxística do río Umia, o merendeiro, o refuxio de pescadores e o parque infantil.

10 de xuño de 2015 | 18:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.