A Torre de Hércules celebra o seu sexto aniversario como Patrimonio da Humanidade regresando á época romana
O vindeiro sábado, 27 de xuño, a Torre de Hércules cumpre un ano máis na Lista do Patrimonio Mundial da Unesco e con tal motivo celebra unha nova edición de Ave, Crunia, con actividades de recreación histórica, que estarán a cargo da Asociación Histórico Cultural e Deportiva Recreadores de Galicia, Legio VI Victris. A entrada no monumento será gratuíta.
O monumento espertará este sábado iluminada de azul, a cor da cidade, como xa é costume na celebración deste aniversario. Así, á noitiña do venres e durante a madrugada do sábado, a iluminación da torre mudará de cor.
As actividades, que se desenvolverán no entorno da Torre de Hércules e do Centro de Interpretación (CIAV), ao pé do monumento, comezarán ás 11.00 horas coa apertura dunha exposición de reproducións de materiais de época romana. Tamén no CIAV terá lugar, as 12.00 horas, unha charla sobre O equipo militar republicano e altoimperial . A continuación, ás 13.00 horas, Recreadores fará unha dramatización titulada Espertar dunha matrona.
Ás 13.30 horas terá lugar un desfile civil polos arredores da torre e desenvolverase o obradoiro infantil Pequenos lexionarios.
Todas estas actividades repetiranse en horario de tarde, a partir das 16.00 horas, en tanto que ás 19.00 ofrecerase no CIAV unha charla sobre A vestimenta civil en época romana. Tanto esta charla como a anterior estarán ilustradas con reproducións de elementos que recrean a vida da antiga Roma e con diversas ilustracións.
A xornada rematará coa dramatización Suovitaurilia (ofrenda a Marte), que é o deus ao que estaba adicada a torre. As “tropas romanas” dos Recreadores de Galicia ofrecerán un vexilum (estandarte) e farán o xuramente ao deus, tal como se facía na época en que se construíu a Torre de Hércules.


 Enviar a un amigo
 Enviar a un amigo Opinar
 Opinar Imprimir
 Imprimir









