A nova corporación municipal de San Sadurniño tomará posesión este sábado
Este 10 de xuño de 2015 celebrouse o derradeiro pleno do mandato corporativo 2011-2015. Foi unha sesión breve xa que só se incluía na orde do día a aprobación da acta do pleno do pasado día 4. Un asunto que se liquidou en escasos segundos pero que serviu para darlle paso ás despedidas daqueles concelleiros e concelleiras que non van repetir no periodo 2015-2019. A nova corporación constituirase o sábado ás 12.00h. e nela xa non estarán María Muíño, Mari Carme García, Plácido López, Hipólito Díaz e Fernando Márquez a pesar de que o reparto dos escanos municipais mantén a proporción 7-3-1 con maioría absoluta para o BNG, seguido por esta orde de PP e PSOE.
O alcalde en funcións, Secundino García, agradeceulles aos concelleiros e concelleiras saíntes “o traballo a prol do Concello” nestes últimos anos e expresoulles “o mellor dos desexos” para a nova etapa que emprenden fóra das responsabilidades municipais.
Pola súa banda, o edil socialista Fernando Márquez -que botou 4 anos formando parte do goberno e os últimos 4 na oposición- tamén agradeceu “estes oito anos de aportar dentro do PSOE un gran de area” así como “a oportunidade de poder participar” na vida municipal.
Na mesma liña pronunciouse Plácido López, o último en intervir antes do peche da sesión. O ata agora portavoz do grupo popular, que tampouco repetirá no próximo mandato, quixo “dar as gracias a todos”, bromeando na despedida sobre a intención do seu grupo de “poder estar na oposición e darlles caña aos que entran agora”.
Abondaron 2 minutos e 12 segundos para celebrar un pleno que é o último do mandato. O sábado ás 12.00h. comezará outro. Para esa hora está convocada a constitución da nova corporación comezando pola mesa de idade. Serán Manolo Varela como o máis vello e Silvia Fernández como a máis nova quen iniciarán o procedemento tomando posesión en primeiro lugar e comprobando as credenciais para logo tomarlles promesa/xuramento aos seus compañeiros e compañeiras. Entre eles hai caras novas. Polo BNG a de Sabela Íñiguez Cinza e Manuel Beceiro Couce. Polo PP entran Manuel Romero Castrillón e Andrés Fernández Graña e polo PSdeG-PSOE estréase en solitario Eduardo Lourido Doval. Repiten Secundino García, Suso Soto, Amparo Calvo, Ana Belén Breijo e os dous membros da mesa de idade, Manolo Varela (BNG) e Silvia Fernández (PP).
Trala toma de posesión determinarase o sistema de votación para a elección de alcalde e todo apunta a que, seguindo a tradición, se faga mediante papeleta. Salvo sorpresas o cargo recaerá en Secundino García por terceira vez consecutiva quen, deberá prometer/xurar o seu cargo como presidente da corporación.
O pleno constitución da corporación é iso, a conformación de como quedará repartido o pleno de cara aos próximos catro anos. Porén, cousa distinta é o reparto das responsabilidades de goberno, as delegacións da alcaldía, a representación en órganos colexiados e outras cuestións propias do funcionamento diario do municipio. Todas estas cuestións decidiranse nun pleno posterior, o de organización, que deberá celebrarse no prazo máximo dun mes.


 Enviar a un amigo
 Enviar a un amigo Opinar
 Opinar Imprimir
 Imprimir









