A calor marca a terceira etapa na marcha de traballadores de Alcoa

Marcha dos traballadores de Alcoa
A intensa calor marcou a terceira etapa na marcha de traballadores de Alcoa desde A Coruña ata Santiago, segundo informou un portavoz do persoal, Juan Carlos Corbacho. A Compostela prevén chegar este mércores para reclamar, ante a Consellería de Economía e Industria, “presión” de modo que a Xunta reclame ao Goberno central “unha solución” ao custo enerxético das plantas da multinacional do aluminio.
Os case 100 traballadores que participan nesta nova mobilización desde o sábado arrincaron sobre as 16,30 horas a camiñada, neste luns de elevadas temperaturas en toda a península. Saíron de Ordes e a súa intención é chegar ata Sigüeiro, xa nas proximidades da capital galega.
Este martes, tamén en xornada de tarde, chegarán ao Monte do Gozo, punto desde o que marcharán o mércores en manifestación ata o complexo administrativo de San Caetano.











