Xuntanza de Lamas ten aberto o prazo de admisión de postos para a IX Feira de artesanía e de degustación de carrilleiras

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

A parroquia de Lamas acollerá o último sábado deste mes a novena edición da súa feira de artesanía e de degustación de carrilleiras. Un encontro que cada ano atrae a centos de visitantes na procura dunha xornada arredor dos produtos máis diversos, da música e da boa mesa. A asociación de veciños da parroquia ten aberto desde hai varios días o prazo para que os postos de artesanía reserven sitio no recinto da feira, situada baixo unha carpa ao pé do local social. Deben chamar o antes posible ao 664 203 738.

A IX Feira de artesanía e degustación de carrilleiras celebrarase desta vez o sábado 30 de maio. Adiántase un día con respecto a outras edicións para non cadrar coa carreira popular do domingo. O programa arrancará ás 11.30h. coa inauguración oficial, seguida a iso das 12.00 da apertura dos postos de artesanía participantes no encontro. Noutras edicións puidemos ver coiro, olaría, labores en lá e tea, torneado de madeira, pero tamén actividades máis propias dun mercado, como a venda de planta e produto fresco.

A feira é, ademais, unha auténtica festa para veciños e xente de fóra. Desde as 12.30 haberá música ao vivo que animará o ambiente ata a hora de xantar, que está posta para as 14.00h. Serviranse as carrilleiras que lle dan nome á feira con empanada, requeixo, biscoito, pan, viño e café e por prezos moi axustados tendo en conta que de Lamas ninguén marcha nunca con fame. Os tíckets para persoas adultas teñen un prezo de 15 euros, para menores de 6 a 12 anos custarán 10 euros e as criaturas de menos de 6 anos poderán xantar de balde.

A Feira de artesanía e degustación de carrilleiras leva celebrándose case unha década grazas ao traballo que desenvolve Xuntanza de Lamas que, neste caso, contou coa colaboración de 45 firmas comerciais e coa do Concello.

O sábado, xantar popular en Ferreira

Por outra banda, Ferreira acollerá este sábado o II Xantar Popular, organizado pola comisión de festas de San Paio e San Cristobo. O menú leva paella, xamón cocido, sobremesa, pan, refresco, viño, café e un chupito. As persoas adultas pagarán 20 euros, os nenos de 5 a 12 anos 5 euros e os menores desa idade poderán xantar gratis. 

Os tiques estiveron á venda ata o venres pasado, pero se cadra aínda queda algún por vender. Pódese saber no bar As tres Pontes (As Pontes), no bar da Chabola, en Gavín, no Xaida ou en Casa Casal. Ademais do xantar durante toda a tarde e a noite haberá actuacións musicais coas Tocadeiras das Somozas, DJ Carlos Music e o Dúo Caramelo. A cativería terá inchables e pola auga non será necesario preocuparse, xa que o campo da capela de San Cristobo estará cuberto cunha carpa.

19 de maio de 2015 | 12:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.