Un total de 17 empresas solicitan participar no procedemento das obras do campo de fútbol de Currás
Este pasado luns finalizou oficialmente o prazo para presentar a solicitude e a documentación esixida para participar no procedemento aberto de contratación dos traballos de cambio a herba artifical do campo de fútbol municipal. En total rexistráronse 17 peticións, ben nas oficinas municipais ou ben por comunicacións co compromiso de achegar a documentación por correo tal e como permite a lei. As obras saíron a contratación por un importe de 281.177,20 euros máis o ive correspondente e, trala adxudicación, executaranse durante os meses de verán.
O obxectivo do Concello é acelerar no posible a resolución do procedemento para que os traballos se poidan desenvolver durante o parón estival das competicións futbolísticas. O prazo de execución máximo estipulado nas bases é de 3 meses. Tempo no que a empresa que resulte adxudicataria deberá levantar o terreo de xogo de herba natural para substituílo por outro de céspede sintético homologado pola FIFA.
As obras abranguerán unha superficie de 5.244 metros cadrados. O proxecto inclúe a execución de beirarrúas de formigón de 1,5 metros ao longo de todo o perímetro do terreo de xogo, excepto na banda das bancadas, onde terá un ancho superior, de 2,5 metros. Ademais, por motivos de seguridade e para evitar a entrada de público no campo, vaise instalar tamén un valado a unha altura de 0,90 metros. Os postes e as varandas serán de aluminio. Por último, instalaranse novas porteirías fixas e outras catro abatibles para fútbol 7.
O cambio a herba artificial vén motivado pola alta carga que soporta o campo durante o ano, onde xogan e adestran os equipos sénior e de base do CF San Sadurniño. A transformación permitirá, polo tanto, que tanto estas formacións como outras do municipio empreguen instalacións municipais en vez de ter que alugalas en Ferrol ou A Capela, onde xa existen campos deste tipo. Outra das razóns para acometer a obra é a previsión de aforro nos gastos de mantemento. Na actualidade son arredor de 10.000 euros que, co paso a superficie artificial, quedarían reducidos a menos da metade.
A remodelación do campo conta co 100% de finanzamento provincial sobre un proxecto elaborado polo Concello hai dous anos.


 Enviar a un amigo
 Enviar a un amigo Opinar
 Opinar Imprimir
 Imprimir









