“Tutti frutti al óleo” mostra en San Sadurniño a mirada persoal de 26 artistas da comarca

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+
Traballos expostos

Traballos expostos

Mariñas, retratos, bodegóns, paisaxes, impresionismo, pop-art, hiperrealismo… todo condensado en 26 cadros de distinto tamaño pero con dous nexos comúns: estar pintados ao óleo e ser obra de alumnos e alumnas de Diego Vázquez Iglesias, Dexo, quen imparte obradoiros de pintura en varios puntos da comarca. Ata finais de mes poderemos ver na galería da Casa do Concello esta mostra colectiva de pintura, caracterizada pola cor, a liberdade estilística e unha grande calidade técnica.

Na exposición participan Carmen R. Rivas, Cristina Calvo, María José López, Ana Belén Fustes, Carmela Couce, Rubén Fernández, Raquel Mosquera, Conchi Cancela, Mari Carmen Bouza, Tita Tuimil, Mari Carmen González, Marián Vilariño, Blanca L. Moreno, Avelino Landeira, Catalina R. Rico, Conchi Pena, Terry Caveiro, Alicia Otero, Mónica Rico, Adela Alvariño, Belucha Tuimil, Marina Prados, Alicia Aneiros, Tania Arias, Berta Fernández e Otilia Calvo. 

Artistas de dentro e de fóra de San Sadurniño que elixiron pezas representativas do seu traballo entre o que atopamos miradas múltiples ao cotián, unhas veces co obxectivo de reflectilo tal e como é e outras como exemplo de ata que punto o pincel segue os mandados da imaxinación a partir dun motivo real.

A técnica empregada en todos os cadros é o óleo, aínda que sobre soportes distintos como o lenzo ou a táboa. Tamén hai variedade na elección dos temas e a súa disposición visual. Grandes formatos apaisados e verticais onde a pericia pictórica se fai patente intercálanse con pezas de menor tamaño que, en ambos casos, combinan o figurativo clásico con propostas máis arriscadas e, se cadra, máis íntimas e propias dentro do exercicio persoal e intransferible que é de por si pintar un cadro. 

O naturalismo é maioría: mariñas, contornos rurais, xardíns, arquitectura, recunchos… Pero canda el aparecen representacións que buscan a imitación ata o máis mínimo detalle nas luces e cores e outras que deixan á mantenta matices no camiño para transmitir só o concepto. En resume, 26 obras que son 26 xeitos de ver e 26 excusas para pasar pola galería do Concello. “Tutti frutti al óleo” permanecerá alí ata o 30 de maio e pode visitarse polas mañás de luns a sábado.

6 de maio de 2015 | 12:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.