San Sadurniño prepara para xuño os “Venres en Sansa!”
Vídeo, cine, orientación, ciclismo, sendeirismo, zumba, kickboxing, bádminton, educación canina, cociña. Todo pola noite e todo durante os tres primeiros venres do mes de xuño. Estas son as actividades que recolle o programa municipal de lecer alternativo “Venres en Sansa!” dirixido principalmente á xente nova de entre 12 e 35 anos. Unha proposta distinta saída da enquisa realizada en abril sobre as preferencias da xuventude en canto a como ocupar o seu tempo libre. Se iniciativa ten éxito o Concello pretende convertela nunha oferta estable ao longo do ano.
“Venres en Sansa!” enmárcase no programa municipal de xuventude e algunhas actividades van dirixidas só a mozos e mozas de entre 12 e 35 anos, mentres que outras non terán límite de idade. Terán prioridade persoas empadroadas no concello e as prazas dispoñibles en cada actividade irán cubríndose por orde de inscrición. Malia isto, de non chegar ao cupo previsto, tamén poderán participar persoas doutros municipios.
Todos os obradoiros e actividades precisan unha inscrición previa. Haberá que cubrir o modelo dispoñible algo máis abaixo e entregalo na Casa da Cultura, como moi tarde, o mércores anterior ao día en que se vaian celebrar as actividades, que son gratuítas. Iso si, debemos ter en conta que moitas delas se desenvolverán ao mesmo tempo, polo que cómpre repasar antes o programa para ver cales son as que máis nos interesan. Tamén é importante mirar con detemento se debemos levar algo, como roupa recomendable, linternas, bicicleta, o mandil ou incluso o can.
“Venres en Sansa!” arranca o venres 5 de xuño con tres obradoiros: un entre as 21 e as 23 horas sobre creación e edición de vídeos con 10 prazas dispoñibles, outro de zumba con 25 prazas no pavillón do colexio co mesmo horario, unha actividade de orientación nocturna entre as 23.15 e a 1 da mañá -40 prazas- e, simultaneamente, un obradoiro de cociña que ofrece 15 prazas.
O seguinte encontro será o venres 12 e comezará ás 21h. coa proxección do filme Os Fenómenos coa asistencia do seu director, Alfonso Zarauza. Á mesma hora desenvolverase no pavillón do colexio un obradoiro de Kickboxing e defensa persoal -15 prazas-. Máis tarde, entre as 23.15 e a 1.00h., a oferta recolle unha ruta de ciclismo nocturno e, de novo, cociña con produtos locais.
O terceiro “Venres en Sansa!” está posto para o venres 19. Ás 21 horas o patio exterior do colexio acollerá un obradoiro de educación canina cunha oferta de 8 prazas -é neste onde hai que levar can, obviamente-. Preto de alí, no pavillón, organízase unha clase práctica de bádminton -16 prazas- co mesmo horario mentres que, a partir das 23.15, se organiza unha saída de sendeirismo nocturno pola zona -40 prazas- e a terceira sesión da actividade de cociña.
A orientación nocturna, o cine, o ciclismo e o sendeirismo están abertos a todas as idades, mentres que as demais actividades son exclusivas para xente nova de entre 12 e 35 anos.
En “Venres en Sansa!” implicáronse os departamentos municipais de Cultura, Deportes, Orientación Laboral, Igualdade e Desenvolvemento local que nesta primeira edición contarán coa colaboración do clube de Kickboxing “Bidueiro” e o clube BTT Biela e Chaveta.
Pódese obter máis información sobre este programa pasando pola Casa da Cultura, polo ximnasio ou pola Oficina de Orientación laboral. Tamén hai dous teléfonos: o 616 332 919 e o 981 490 027 (ext.2).


 Enviar a un amigo
 Enviar a un amigo Opinar
 Opinar Imprimir
 Imprimir









