San Sadurniño acolle unhas charlas con consellos para levar unha vida saudable tendo diabetes
A diabetes é unha afección crónica producida por un mal funcionamento do páncreas, o órgano que xera a insulina necesaria para que o corpo poida absorber a glucosa dos alimentos. O máis común é que asociemos a enfermidade coas inxeccións diarias (a tipo 1), pero o certo é que a tipoloxía de diabetes máis común é a de tipo 2, que moitos e moitas de nós podemos padecer durante anos sen sabelo. Para falar de todo isto a Escola Galega de Saúde para a Cidadanía ofreceu onte en San Sadurniño unha interesante charla á que asistiron unha vintena de persoas.
A pesar de ser unha vella coñecida da medicina, aínda hai controversia sobre como se desencadea a diabetes. O que si se sabe é como tratala: con achegas de insulina nos casos máis graves e con dieta e exercicio para tela controlada nos máis “suaves”, denominados de tipo 2.
A diabetes maniféstase -ás veces de súpeto- con sede anormal, micción frecuente, cansanzo, gana de comer continuamente, perda de peso, mala curación de feridas, visión borrosa e outros síntomas que, de non detectarse e tratarse, poden ter consecuencias fatais. Son factores de risco a obesidade, a mala alimentación, a falla de actividade física, a idade avanzada, os antecedentes familiares e incluso o embarazo, no que cada vez é máis frecuente un tipo de diabetes temporal -a xestacional- que desaparece tralo parto pero que igualmente debe estar controlada.
Como prevención ou como medida de control da diabetes é importante facer exercicio e, sobre todo, coidar o que se come. E isto non significa privarse de nada, senón afacerse ao hábito dunha alimentación variada e na que non se pode abusar de certas cousas. Na charla de onte impartida pola Escola Galega de Saúde indicaron que a alimentación en diabetes debe seguir esa pirámide que ensinan nas escolas onde a base está composta por pastas, arroces, cereais e legumes. Un chanzo máis arriba estarían as froitas e as verduras, logo os derivados lácteos, as carnes e os ovos e, no último posto as graxas e os pasteis, entendendo como tales os que se fan na casa xa que os outros, os industriais, son auténticas bombas dietéticas. Ora ben, sen abusar de nada e preparando un programa do que pode beneficiarse toda a familia.
Dieta saudable e variada, esa é a mellor maneira de manter a raia -ou controlada- a diabetes. Aconséllase tomar verduras e hortalizas aseguradon un prato de verdura fresca ao día, tomar 2 ou 3 pezas de froita, facer máis comidas ao longo da xornada e menos abondosas que as tres principais e eliminar o consumo de bebidas azucradas e zumes envasados. Tamén axuda consumir cereais e fariñas integrais e a inxesta equilibrada de pastas e arroz.
O 4 de xuño falaremos de fibromialxia e fatiga crónica
E a Asociación de Fibromialxia e Fatiga Crónica do Noroeste (AFFINOR), ofrecerá unha charla sobre fibromialxia e fatiga crónica o próximo 4 de xuño a partir das 18.00h. no salón de plenos do Concello. A fibromialxia é un dos grandes misterios da ciencia médica moderna, que ata hai relativamente pouco non consideraba esta enfermidade como tal, senón máis ben como un conxunto de síntomas aos que non se lles daba atopado unha orixe física concreta. Porén o certo é que se trata dun mal que alterna periodos de normalidade con outros incapacitantes con dores intensas en distintos puntos do corpo.
A AFFINOR falará da fibromialxia pero tamén da fatiga crónica, un síndrome -conxunto de factores- que pode confundirse con esa enfermidade malia ser cousas distintas.


 Enviar a un amigo
 Enviar a un amigo Opinar
 Opinar Imprimir
 Imprimir









