San Sadurniño abre o prazo de matrícula para a Escola Infantil Municipal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

Tras cumprirse o prazo de exposición do listado provisional da adxudicación de prazas para a EIM sen que houbese reclamacións, hoxe mesmo abre un periodo de 15 días naturais para que as familias formalicen a matrícula para o curso 2015-2016. Deberán facelo no departamento municipal de Servizos sociais e Igualdade entregando cuberta a documentación que figura ao pé desta noticia xunto co xustificante bancario do ingreso dos 20 euros que custa a matrícula. O ano que vén acudirán á escola 23 criaturas tanto de San Sadurniño como doutros concellos da volta.

A maior parte dos nenos e nenas admitidas son de San Sadurniño, aínda que tamén se aceptaron solicitudes de Neda, As Pontes, As Somozas, Cerdido e Narón. O grupo máis numeroso -15 meniños- estará na unidade de 2 a 3 anos, mentres que para as unidades inferiores -0 a 1 e 1 a 2 anos- admitíronse 8 peticións, case todas de novo ingreso. De feito, ao remate do proceso quedarían 7 vacantes na unidade de 0-1, 6 na unidade de 1-2 e tan só 2 prazas na unidade de dous a tres anos.

Hai dez días publicouse a lista provisional coa adxudicación das prazas e durante este tempo non se presentou ningunha reclamación, polo que agora se publica a lista definitiva sen que houbese cambios. O sistema de baremación das solicitudes está dispoñible no regulamento de funcionamento da EIM, onde ademais se poden consultar os prezos do servizo dependendo das opcións contratadas. 

En calquera caso, nos próximos 15 días naturais as familias deberán formalizar a matrícula cubrindo a correspondente solicitude e os anexos que recollen tanto a aceptación das normas de funcionamento como varias autorizacións -recollida dos meniños por outras persoas, administración dalgún medicamento, cesión de datos persoais, etc.-. Os impresos están dispoñibles nesta web, na Escola Infantil Municipal e tamén no departamento de Servizos Sociais e Igualdade, lugar este último onde será necesario entregar a documentación xunto co resgardo de ter pagados no banco os 20 euros en concepto de matrícula. O prazo remata o 30 de maio.

Bolsas escolares

Por outra banda, o Concello resolveu recentemente a concesión de bolsas escolares para estudos obrigatorios e postobrigatorios, así como as destinadas a familias usuarias da Escola Infantil Municipal. No tocante ás becas para rapaces e rapazas que cursen estudos obrigatorios admitíronse 28 solicitudes mentres que para a mocidade que estuda fóra ciclos ou carreiras se concederon un total de 14 bolsas. O montante das axudas ascende a 9.248 euros. 

No referido ás bolsas da EIM houbo 9 solicitudes das que, finalmente, se concederon 6 bolsas por un importe próximo aos 2.600 euros. Na práctica estas bolsas destinadas a familias empadroadas en San Sadurniño supoñen en case todos os casos unha achega económica próxima ao 50 por cento do custe total do curso.

15 de maio de 2015 | 10:37 • Sen comentarios

Comentarios pechados.