Medio Ambiente adxudica por máis de 170.000 euros as obras de prolongación do carril bici de Baiona
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), vén de adxudicar o contrato para a prolongación ata o Parador de Baiona do carril bici existente na PO-552 dende a Guarda ata as proximidades desta vila pontevedresa.
As obras foron adxudicadas á empresa Construcións Taboada e Ramos, SL por máis de 170.000 euros (174.603,00 €). As tarefas preparatorias e de replanteo dos traballos realizaranse nas vindeiras semanas, unha vez sexa asinado o contrato de obras, o que permitirá o inicio efectivo das mesmas a principios do verán.
O trazado do novo carril bici, dun quilómetro de lonxitude discorrerá entre o punto quilométrico 16+700 (acceso ao Parador) e o 17+700 (curva do Hotel Rompeolas) da estrada Vigo – Tui (PO-552), e dará continuidade ao carril bici xa rematado entre Baiona e A Guarda que finaliza a aproximadamente 350 metros da entrada ao núcleo de Baiona.
O carril bici terá un ancho de 2 metros, distinguíndose os seguintes subtreitos:
Desde p.q. 16+700 (Parador) ao 17+030 (Glorieta), discorre polo treito central da actual Alameda, anexo aos árbores existentes.
Desde o p.q. 17+030 (glorieta) ao p.q. 17+700, deséñase polo lado do mar para o que se despraza o eixo da estrada, sendo preciso acondicionar as actuais calzada e beirarrúas, onde existen. Ademais, executaranse novas beirarrúas onde actualmente non existen.
O prazo de execución das obras será de tres meses; non obstante, tentarase acelerar a súa execución de modo que o novo carril bici poida estar dispoñible o antes posible no verán.
Deste xeito, existirá continuidade entre o paseo para bicicletas existente na fronte marítima de Baiona e o executado polo goberno autonómico mediante a obra Itinerario ciclista ao longo da estrada PO-552 entre Baiona e A Guarda, que se finalizou en setembro de 2012.
A Axencia Galega de Infraestruturas adxudicou tamén outras dúas actuacións para o fomento da mobilidade peonil ou ciclista: unha en Ponteceso, para a execución dunha senda peonil desde A Trabe ata Anllóns, e outra no Concello de Foz, de dotación de beirarrúas na LU-162 en Cangas de Foz. En total estas tres sendas requirirán dun investimento próximo aos 600.000 euros, que será financiado nun 80 % con fondos Feder.
Fomento da mobilidade peonil e ciclista
O Goberno autonómico está actualmente a desenvolver diversos programas cos que se pretende favorecer a sostibilidade ambiental, reducindo a utilización dos vehículos privados, tanto mediante o fomento do transporte colectivo ou público coma coa execución de infraestruturas que favorezan a utilización de formas alternativas de transporte, menos contaminantes.
Nos últimos anos, o departamento de Infraestruturas executou varias obras de construción de carrís para uso peonil e ciclista na comarca de Vigo, nas estradas Vigo-Baiona (PO-325) e Baiona – A Guarda (PO-552). Estas actuacións supuxeron xa a posta en servizo de mais de 40 Km de infraestruturas diferenciadas destinadas a favorecer a circulación de peóns e bicicletas, e requiriron dun investimento superior aos 24 M€. A utilidade destas sendas verase complementada coas resultantes da obra que se vén de adxudicar.
Ademais das obras, a Consellería de Medio Ambiente está a traballar na análise das posibles actuacións que faciliten os desprazamentos peonís e ciclistas en sete comarcas, mediante outros tantos contratos que se licitaron nos primeiros días deste ano. Un deles analiza as necesidades nesta materia nas estradas autonómicas da Comarca de Vigo.
O contrato, adxudicado a Eptisa, Servizos de Enxeñería SL, foi asinado recentemente e conta cun prazo de redacción de 12 meses. Comprenderá dúas actuacións diferenciadas: en primeiro lugar, realizarase un estudo inicial de identificación de sendas na comarca de Vigo, no que se analice a situación actual na área de estudo en relación ás sendas peonís e/ou ciclistas e se propoña a realización de actuacións concretas para resolver a problemática que poida detectarse; en segundo lugar, redactaranse os proxectos construtivos que desenvolvan as actuacións identificadas coma necesarias.
A consellería que dirixe Ethel Vázquez aposta por este tipo de actuacións, coas que se facilita a circulación en condicións de maior seguridade para o conxunto dos usuarios e ademais se fomentan comportamentos máis respectuosos co medio ambiente.











