A Xunta continúa a aposta pola cooperación transfronteiriza para mellorar os servizos aos cidadáns da Eurorrexión
O director xeral de Administración Local da Xunta, Alberto Pazos Couñago, e os alcaldes de Tui, Moisés Rodríguez, e de Valença, Jorge Mendes, asinaron hoxe un Memorando de Entendemento para facilitar a interconexión dos rexistros municipais, ao amparo da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal.
Este acordo a tres bandas permitirá que por primeira vez en toda a fronteira luso-española, dous concellos fronteirizos, de países diferentes, compartan o seu rexistro municipal, de tal xeito que os cidadáns das dúas poboacións poidan presentar solicitudes dirixidas ao concello do outro país.
Segundo destacou Pazos Couñago, a sinatura deste memorando permite continuar a aposta do Goberno galego pola cooperación transfronteiriza e por conseguir unha Eurorrexión punteira en Europa, baseada na proximidade e o coñecemento.
A Xunta, a través da Comunidade de Traballo Galicia-Norte de Portugal, apoia a cooperación entre concellos e cámaras municipais co obxecto de fornecer de servizos de calidade aos seus conveciños, especialmente agora cando a necesidade de compartir, racionalizar os investimentos e priorizar o gasto público fanse máis necesarios.
O director xeral destacou que esta liña de cooperación é a que está a seguir o Executivo galego na súa política local, e polo tanto, a marca que lle quere imprimir á Eurocidade. Por iso, desde a Xunta seguirase fomentando, axudando e colaborando con todas as propostas que xurdan para mellorar a cooperación a ambos lados da ‘Raia’.
A segunda Eurocidade galega
A Eurocidade Tui – Valença foi a segunda que naceu en Galicia, logo da de Verín – Chaves, que foron as primeiras poboacións na fronteira luso-española que acordaron traballar conxuntamente baixo a novidosa fórmula da Eurocidade.
O obxectivo principal da Eurocidade é acadar fórmulas para promover a converxencia institucional, económica, social, cultural e ambiental entre as dúas cidades, de xeito que o “efecto fronteira” deixe de ser un inconveniente para se converter nunha oportunidade de desenvolvemento territorial e socioeconómico, promovendo a utilización de servizos comúns como instrumento dinamizador.











