A tripulación do Fifty gaña o Trofeo Repsol

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBaionaDeportesDeportes PortadaSanxenxo
A-
A+
Tripulación do Fifty

Tripulación do Fifty

Viñeron dispostos a revalidar a súa vitoria na regata de primavera do Monte Real, e así o fixeron. A tripulación do Fifty, liderada por Rui Ramada, conseguiu gañar o Trofeo Repsol por segundo ano consecutivo.

Lucindo grímpola do club organizador, os portugueses fixéronse co ouro da competición tras gañar as dúas etapas celebradas nesta ponte do primeiro de maio. O pasado venres percorreron, con vento en popa, as 19 millas que separan Baiona de Sanxenxo en apenas dúas horas e media. Este domingo empregaron algo máis de tres horas en navegar, en cinguida, as 16 millas de distancia que hai entre Sanxenxo e Carallones.

Navegando sempre ao seu lado, tanto o venres como o domingo, o Aceites Abril, do Real Club Náutico de Vigo. A pesar de realizar unha gran regata, e adiantalo en diversas ocasións, o barco dos irmáns Luís e Jorge Pérez Canal, non foi capaz de arrebatarlle a vitoria ao Fifty. Fíxose finalmente coa prata da competición, e deixoulle o bronce ao Bosch ServiceSolutions do Club Marítimo de Canido, patroneado por Ramón Ojea.

Moi emocionante tamén foi a competición dos J80, que navegaron moi igualados durante todo o percorrido. O Mi Moneda de Guillermo Caamaño, que xa se fixo coa vitoria na primeira etapa, logrou imporse de novo na segunda e alzarse vencedor. A segunda posición dos monotipos foi para o Virazón de Miguel Lago e a terceira para a Escola Náutica Cormorán, con Ignacio Bolíbar á cana.

Na clase fígaro, os postos de honra foron para o Tutatis de Alberto Iglesias, o Ladeira de Octavio Villalba e o Erizana de Amparo Mollá, que quedaron primeiro, segundo e terceiro respectivamente.

Tras finalizar a competición, o subdirector de Mariña e Pesca de Repsol, Carlos Sánchez Nieto, entregou os premios aos gañadores.

4 de maio de 2015 | 13:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.