A SGHN e o CPI de San Sadurniño ofrecen un obradoiro de iniciación á astronomía
O CPI de San Sadurniño organizou para a noite deste venres un obradoiro de iniciación á astronomía en colaboración coa Sociedade Galega de Historia Natural. Arredor dun cento de familias participarán nunha actividade coa que aprenderán a identificar as constelacións e planetas visibles nesta época do ano. Todos e todas están citados a iso das 21.30h. no patio do colexio e, para que a experiencia de mirar as estrelas sexa óptima, o Concello apagará o alumeado da avenida Marqués de Figueroa entre as 22 e 1.00h.
Paulino Gasalla, coordinador de astronomía da SGHN, fará unha pequena introdución ao que podemos ver no anaco de ceo que nos toca. Nesta época e en noites claras como a que se prevé para este venres serán visibles Venus coa caída do Sol e Xúpiter pouco antes da madrugada. Ademais, o cambio do 22 para o 23 de maio é o mellor intre do ano para observar Saturno.
Iso si, se non sabemos a onde mirar só veremos milleiros de puntos brancos e aínda así será necesario botar man de binoculares ou dun telescopio coma o que haberá para a ocasión no patio do CPI. Por outra banda, a grande inimiga da observación astronómica é a contaminación lumínica. Os alumeados públicos proxectan parte da súa luz ao ceo, a atmosfera reflíctea e tras desa claridade ocúltase boa parte do espectáculo das estrelas.
Para crear unhas condicións máis ou menos idóneas, o colexio e o Concello acordaron apagar os farois de toda a avenida Marqués de Figueroa na procura de reducir ao mínimo o impacto lumínico. O apagón producirase entre as 22 h. e a 1 da mañá. e agárdase que durante ese intervalo poidamos ver o firmamento en todo o seu esplendor.
Charla sobre a avespa asiática
A sesión astronómica cadra no Día Internacional da Diversidade biolóxica, unha data que se aproveitará para ofrecerlle ao alumnado do colexio unha charla sobre o impacto da avespa asiática no territorio. Trátase dun encontro programado en colaboración coa Asociación Galega de Apicultura e enmarcado na campaña informativa Stop Velutina iniciado pola entidade para deter o avance desta praga procedente do sueste asiático. A avespa asiática é depredadora das abellas e doutros insectos polinizadores e, polo tanto, un perigo para o equilibrio do ecosistema.
En San Sadurniño localizáronse os primeiros exemplares a mediados de abril nas parroquias de Igrexafeita e Naraío, aínda que se teme que estea espallada xa por grande parte do territorio. Se se atopa unha avespa asiática ou un niño cómpre chamar urxentemente ao 012 para que a Xunta rexistre a incidencia da praga.


 Enviar a un amigo
 Enviar a un amigo Opinar
 Opinar Imprimir
 Imprimir









