A II Carreira popular de San Sadurniño xa vai polo medio milleiro de inscricións

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

O contorno do paseo fluvial acollerá o próximo domingo a II Carreira popular de San Sadurniño, organizada polo Concello, o colexio e maila ANPA do centro. O obxectivo principal da xornada é promover o exercicio e a actividade física en contacto coa natureza como un hábito saudable en todas as etapas da vida. A carreira está aberta a todas as idades e a inscrición está aberta ata o xoves a través da web carreirasgalegas.com. O alumnado do CPI poderá apuntarse no propio centro. De feito, un bo número de participantes son da comunidade educativa -profesorado, alumnado, pais e nais-, que levan varias semanas adestrando para un evento que, a día de hoxe, leva preto de 500 inscricións. 

A saída da primeira carreira darase ás 11.10 horas para a categoría infantil de primeiro ano e alevín, tanto masculina como feminina -anos 2003, 2004 e 2005-, sobre unha distancia de 1.000 metros arredor do paseo fluvial. Vinte minutos despois sairá a rapazada inscrita en infantil de segundo ano e as persoas participantes na categoría adulta, é dicir, todas as que teñan máis de 13 anos. Neste caso percorrerán 5.400 metros pasando por diante de Intasa, pola estrada de Ferreira e volta de novo á leira da Cortiña. 

Prevese que a proba de infantís e maiores dure arredor dunha hora. Por iso se fixou para as 13.00 h. a saída da categoría de benxamíns -anos 2006 e 2007- e para as 12.50h. a de pitufos, na que participarán nenos e nenas nacidos en 2007/2008. En benxamíns correrán 400 metros e en pitufos só 220 sen saír sequera do Arboreto de especies autóctonas. Por último, ás 13.00h. tamén se lle dará a saída á categoría biberóns -2010 e 2011- que só terán que botar unha carreira de 70 metros.

A carreira organizada polo Concello e polo CPI contará coa asistencia de xuíces e xuízas de atletismo e as marcas cronometraranse con chips. Tanto estes dispositivos como os dorsais haberá que retiralos entre as 9.10 e as 11.10h. para a carreira absoluta -infantís de 2º ano e veteráns-, mentres que o resto de categorías deberán facelo media hora antes das súas respectivas probas.

Todas as persoas inscritas estarán cubertas cunha póliza de responsabilidade civil e de accidentes deportivos. Ademais, a organización tamén disporá de servizos médicos e ambulancia desde unha hora antes do comezo das competicións e ata media hora despois de que remate o evento.

Só por participar todos e todas levarán un agasallo. As medallas e trofeos irán para o equipo gañador, para 11 categorías por idade máis -tres primeiros clasificados en masculino e feminino- e para os participantes masculino e feminino de maior idade.

O prazo de inscrición remata o xoves 27 de maio e pode formalizarse a través da web carreirasgalegas.com, unha plataforma que recolle as inscricións e que permite facer o pagamento en liña con tarxeta de crédito ou débito. 

Para os menores a inscrición é gratuíta e os maiores de 18 anos deberán pagar 3 euros. As persoas que queiran participar por equipos deberán inscribirse individualmente e, posteriormente, co equipo correspondente sen que sexa necesario volver pagar a inscrición. Este ano, como novidade, poderán participar equipos tanto de dentro como de fóra do municipio.

A II Carreira popular Concello de San Sadurniño está organizada conxuntamente polo departamento municipal de Deportes, o colexio público e a Federación Galega de Atletismo coa colaboración da ANPA do centro. 

25 de maio de 2015 | 20:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.