A Deputación de Lugo acollerá a presentación oficial de Chrysallis Galicia

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugo
A-
A+

A Deputación de Lugo acollerá a presentación oficial de Chrysallis Galicia, Asociación de Familias de Menores Transexuales, nun acto que terá lugar este xoves a partires das 19:30 horas no Salón de Actos de San Marcos.

Chrysallis Galicia naceu o pasado 28 de febreiro e está integrada na actualidade por 10 familias e varios afiliados. Entre os seus obxectivos están a visibilización e a normalización da transexualidade infantil, así como a súa despatoloxización –actualmente a chamada disforia de xénero aínda está recollida nos manuais de diagnose psiquiátrica-, a través de charlas informativas, mesas de debate e a elaboración de guías e protocolos.

A xornada incluirá a celebración de dúas ponencias. A primeira destas será (Tran)sexualidad. Un fenómeno de diversidad, que ofrecerá a sexóloga Almudena Herranz, profesora do Máster en Sexología da Universidade de Alcalá de Henares e directora do centro de sexoloxía INCISEX de Madrid. A segunda, A realidade da transexualidade infantil en Galicia, estará a cargo de Cristina Palacios, presidenta de Chrysallis Galicia e nai de Sara, a primeira menor galega que mudou o seu nome coa autorización dun xuíz. Palacios describirá cal é o día a día dos menores transexuais na Comunidade galega.

Para finalizar o acto proxectarase o spot Deseos, realizado pola Fundación TIC en apoio a esta asociación e que conta coa colaboración de rostros coñecidos do panorama español, como Mario Vaquerizo.

A asistencia é gratuíta e aberta á participación de todos os interesados en coñecer un pouco máis a realidade da transexualidade infantil en Galicia, malia que esta resultará de especial interese para profesionais da educación, da sanidade, dos servizos sociais ou do sistema xudicial.

12 de maio de 2015 | 16:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.