A Aula CeMIT de San Sadurniño inicia unha nova etapa de formación itinerante en Lamas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

O local social de Lamas acolleu este luns o inicio da edición 2015 da Aula CeMIT itinerante, que levará cursos de iniciación á informática e a internet a todas as parroquias do territorio nas que se formen grupos de entre 5 e 12 persoas. A aula botará todo o mes nesta parroquia con sesións de mañá os luns, mércores e venres. Porén, a responsable do servizo, Carmen Suárez, xa está anotando persoas interesadas en participar en próximos cursos. Para apuntarse só hai que pasar pola aula -situada no primeiro andar da Casa da Cultura- ou chamala directamente ao 616 016 793.

O convite para promover os cursos faise extensivo tamén ás asociacións de veciños que xunten un mínimo de participantes. O prazo de inscrición permanecerá aberto durante as próximas semanas co obxectivo de ter lista para finais de mes a programación definitiva das accións formativas que se desenvolverán polas parroquias. 

Os contidos van dirixidos a persoas que nunca se puxeran diante dun ordenador ou que non se defendan ben con el. Por iso comezan por coñecer os rudimentos da maquinaria para, posteriormente, empezar a sacarlle partido navegando pola rede e accedendo a todos os servizos que ofrece, entre eles as xestións que poden facerse coas distintas administracións. Por último, os cursos tamén inclúen unha introdución á fotografía dixital e o tratamento de imaxes.

Para simplificar a formación o Concello dotou a aula itinerante con cinco novos ordenadores portátiles con Android e pantalla táctil, de maneira que se pode aprender a andar co ordenador ao tempo que o alumnado -case todo maior de 55 anos- se vai familiarizando cos mesmos mecanismos de funcionamento que usan outros aparellos, como móbiles ou tabletas.

O obxectivo principal desta iniciativa é continuar co proceso de alfabetización dixital emprendido de forma itinerante o ano pasado e como complemento da programación habitual da Rede CeMIT. Búscase desta maneira unha maior proximidade e unha maior efectividade formativa, dado que os cursos se lle ofrecen a grupos de persoas coñecidas entre si e no seu propio contorno. 

Por outra banda, o feito de levar a aula ás parroquias tamén serve de escusa para incorporar novos colaboradores e colaboradoras ao proxecto falamedesansadurnino.org, que neste mes de maio fai dous anos de vida como referente do devir dixital do San Sadurniño presente e pasado.

5 de maio de 2015 | 12:39 • Sen comentarios

Comentarios pechados.