Oroso distingue o labor de Manolo Pazos, da banda Lira de Senra, dos creadores Pedro González Balado e Alexandre Fernández Pita e do Restaurante Mariñaos

Gala da Cultura
Case douscentos veciños e veciñas de Oroso asistiron á segunda edición da Gala da Cultura, uns premios cos que o Concello de Oroso recoñece o mérito das persoas, entidades, asociacións e empresas que destacaran no ámbito cultural e a proposta da propia veciñanza do municipio, que é quen presenta os candidatos. Unha gala celebrada no centro cultural de Sigüeiro e presidida polo alcalde de Oroso, Manuel Mirás, e o concelleiro de Cultura, Antonio Leira.
Manuel Mirás expresou o seu agradecemento tanto aos veciños e veciñas que participaron no proceso de nomeamento como aos propios distinguidos na II Gala da Cultura do Concello de Oroso pois “un pobo sen cultura é un pobo sen alma. A cultura fainos mellores persoas, é algo que se leva dentro e que ninguén nos pode quitar”. Mirás asegurou que “Oroso está á vangarda da cultura en Galicia, pero temos que dar aínda un paso máis” e citou o certame internacional GoisOrosoArtes como “o buque insignia da nosa cultura, porque deu a coñecer Oroso por todo o mundo”.
Pola súa banda, Antonio Leira explicou que esta gala “é un recoñecemento a todos os veciños e veciñas de Oroso porque todos son gañadores. Xuntos creamos unha sociedade máis xusta e un concello que é todo un referente cultural na contorna”. Tras o seu discurso, e antes de proceder á entrega dos premios, o Concello de Oroso fixo entrega dos diplomas aos veciños e veciñas participantes nos distintos obradoiros culturais que se celebran cada ano en Oroso.
Manolo Pazos, recoñecemento á traxectoria
O gran premio da noite, o recoñecemento especial á traxectoria no mundo da cultura foi para o historiador Manolo Pazos, quen asegurou que este premio “amosa o útil que é facer traballos a prol da sociedade e un apoio ao meu labor para coñecer o pasado para entender o presente”. Pazos Gómez explicou que esta distinción é “un premio a unha actividade que desenvolvemos e na que estamos na vangarda: a recuperación da nosa memoria histórica”. Os dous finalistas desta categoría foron Abel Rodríguez Noya, mestre de baile tradicional galego na Asociación Folclórica Lembranzas do Tambre dende 1983; e Santiago Martínez Otero, ferreiro. Os outros nomeados, Guadalupe González Ferreiro e Manuel María Suárez Monje, recibiron un diploma acreditativo.
O momento máis emotivo da noite protagonizárono os integrantes da xa desaparecida banda de música Lira de Senra, que recibiron o Recoñecemento especial á Asociación/Entidade. Un dos seus integrantes, Francisco Fernández Patiño, agradeceu especialmente este premio, sobre todo nuns tempos nos que “estudar música era moi difícil” e porque “faltamos moi poucos membros da Lira por marchar” (xa que todos os que quedan son de idades moi avanzadas). Un agradecemento que lle valeu o aplauso máis forte de toda a noite por parte dos case douscentos veciños e veciñas presentes. A Lira de Senra foi creada no 1900 e desapareceu no 1970. As finalistas desta categoría foron a Coral Polifónica de Senra e a Asociación Cultural Néboas no Cumio. Recibiron diploma acreditativo a Asociación Cultural Amigos do Acordeón de Sigüeiro-Oroso e a Agrupación Folclórica Buxos Verdes.
O recoñecemento á promesa foi para Perico González Balado e Alexandro Fernández Pita, que veñen de crear a webserie “Gafas e pallaso” e que en pouco máis de 15 días superou as dez mil visualizacións, converténdose na segunda webserie máis vista desa semana en España. Perico González asegurou que “é un pracer recoller un premio que antes foi para a Familia Caamaño”, sobre todo cando “non recibira un premio en quince anos, cando gañei un concurso de debuxo. E déronmo porque daba pena o debuxo”. Ambos coincidiron na necesidade da apoiar este tipo de iniciativas de vídeo e cinema dende as Administracións. As finalistas da categoría promesa foron a escritora Tania Carro Carbia e a fotógrafa María Marcos Gómez. Recibiron o seu diploma acreditativo as dúas nomeadas máis novas da Gala: Carla Veiga Otero e Sara Romero Rial.
Por último, o recoñecemento á empresa que máis colabora coa cultura recaeu no Restaurante Mariñaos, que colabora ano tras ano no Entroido Oroso e nas Xornadas Micolóxicas. Os finalistas foron La Caixa, pola súa colaboración no certame Gois Oroso Arte e no programa “Reorientamos”; e Restaurante Cortés, pola súa colaboración en distintos eventos organizados no eido da cultura no municipio.











