Medio Ambiente licita por 500.000 euros a mellora do firme en catro estradas da provincia da Coruña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas licita, a través da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), as obras de reparación do firme de catro estradas das comarcas de Betanzos e Terras de Melide, que contan un orzamento superior aos 500.000 euros.

Con esta actuación o Goberno autonómico mellorará o estado do firme, para favorecer a comodidade dos usuarios e a seguridade viaria nas estradas AC-231 (A Castellana – Sobrado), AC-230 (Montesalgueiro – Curtis), AC-542 (Betanzos – Mesón do Vento) e AC-840 (Betanzos – Límite Provincia – Agolada).

As obras, cuxa licitación publica hoxe o Diario Oficial de Galicia, consistirán na rehabilitación do firme existente en treitos localizados, por medio da substitución da capa de rodadura, previo fresado do firme actual; ou extensión de microaglomerado en frío para mellorar as condicións de adherencia da rodadura, onde non se detecten deformacións no afirmado existente.

Os traballos se completarán coa reposición da sinalización horizontal e melloras na sinalización vertical e balizamento, e a execución de gabias de seguridade nos treitos que o precisen.

As obras terán unha duración de 6 meses e proporcionarán unha rede mais cómoda e segura en beneficio de mais de 33.000 habitantes dos concellos de Aranga, Betanzos, Curtis, Oza – Cesuras, Sobrado e Vilasantar.

Conservación de estradas

Estes traballos son un bo exemplo do esforzo que a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas está a realizar en materia de conservación de estradas, con actuacións que non só se limitan ás tarefas ordinarias de conservación, ás que se destinará un investimento superior aos 24 millóns de euros neste ano, senón que ademais se complementan con obras de conservación extraordinarias coma a que se licita no día de hoxe.

8 de abril de 2015 | 16:58 • Sen comentarios

Comentarios pechados.