Medio Ambiente adxudica por un millón de euros as obras de mellora do abastecemento de Cerdedo
A Consellería de Medio Ambiente vén de adxudicar á empresa Ovisa Pavimentos y Obras a execución do abastecemento a este municipio desde o río Seixo e a estación de tratamento de auga potable (ETAP). O Goberno galego, a través de Augas de Galicia, achega un importe de 950.000 euros para a realización destas obras hidráulicas que mellorarán a calidade de vida dos habitantes deste municipio pontevedrés. A plataforma de contratos públicos de Galicia publica hoxe a adxudicación desta actuación que comezará no prazo de mes e medio, cun prazo de execución de seis meses, aproximadamente.
Na actualidade, o núcleo de Cerdedo abastécese por gravidade do canal de derivación dun aproveitamento hidroeléctrico existente no Lérez. A auga deste canal está suxeita aos réximes de turbinas da central e non garante a calidade necesaria, xa que tamén recibe augas arriba o efluente da EDAR de Forcarei. A auga proveniente do canal é tratada unicamente mediante desinfección nun depósito duns 400 m3 de capacidade que non dispón de acometida eléctrica. Neste senso, as obras proxectadas darán solución a estes problemas, levarase a cabo un novo abastecemento, mediante unha captación por gravidade no río Seixo, que destaca pola excelente calidade das súas augas.
O proxecto prevé unha captación mediante pozo filtrante de aros prefabricados perforados de 2 metros de diámetro interior, rodeado de material filtro, mediante o cal se interceptará o nivel freático na marxe esquerda do río. Do pozo partirá unha condución cunha lonxitude de 3.820 metros, que chegará ata a nova ETAP. Tamén se executará unha nova condución, duns 160 metros de lonxitude para a condución de baixada desde o depósito de cabeceira ata a conexión coa rede actual.
Ademais da ETAP proxéctanse dous depósitos circulares de 250 m3 de capacidade e prefabricados de formigón, con cotas de auga 422,5 – 427,8 metros.
A Xunta de Galicia, mediante estas actuacións, pretende mellorar a calidade da auga que abastece os habitantes do Concello de Cerdedo e darlle servizo a unha poboación estimada de 1.267 habitantes.
Adecuación na senda do río Seixo
A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas vén de rematar as obras de mellora e adecuación na senda do contorno do Río Seixo.
Esta actuación levouse a cabo grazas á sinatura dun convenio de colaboración entre a Xunta e este concello pontevedrés, para a execución de accións de uso público no contorno do río Seixo, que implicou un investimento de máis de 50.0000 euros, para acondicionar este espazo e o seu contorno que está dentro da Zona de Especial Conservación (ZEC) Serra do Cando da Rede Natura 2000.
A pesar de que se trata dunha actuación cun presuposto pequeno, o seu fin ten un alto valor, xa que con este tipo de actuacións incídese na divulgación dos valores do patrimonio natural, a xestión dos hábitats naturais, da flora e fauna silvestres, das paisaxes naturais e dos elementos singulares da Comunidade Autónoma.
Tamén se potencia o desenvolvemento do uso público e recreativo do medio natural; a promoción da defensa integral da natureza e dos elementos que a compoñen, e a conservación específica dos espazos que compoñen a Rede Galega de Espazos Protexidos e da Rede Natura 2000 de Galicia.











