Luís Fernández logra a sexta posición en C-1 júnior no Campionato do Mundo de slalom
Luís Fernández logrou a sexta posición en C-1 júnior no Campionato do Mundo de slalom que se disputou en Foz de Iguazú. O padexeiro de Salceda de Caselas mellorou o resultado do ano pasado, no que foi oitavo. Luís Fernández, do Penedo, viuse prexudicado en Brasil pola polémica decisión dos árbitros que lle penalizaron o paso por unha porta.
O padexeiro galego completou unha magnífica actuación. Foi décimo nas semifinais e arriscou na final. Logrou o segundo mellor tempo de todos os participantes, polo que mesmo tivo opcións de estar no podio. Con todo, os xuíces apreciaron que tocara na porta número vinte do percorrido. Unha decisión polémica, xa que non se aprecia ningunha infracción. No entanto, e a pesar das reclamacións, foi penalizado e iso levouno ao sexto posto da clasificación final.
Luís Fernández, que está concentrado no Centro de Alto Rendemento da Seo de Urgell, mantén unha gran regularidade nos dous últimos anos. Foi oitavo en Australia tamén en C-1 e logrou o bronce na modalidade de patrullas. Tamén estivo presente na final do Campionato de Europa. O seu próximo desafío será o europeo que se disputará en Cracovia (Polonia) no mes de xuño. Alí atoparase coa maior parte dos adversarios que tivo en Brasil.











